A Vía Verde do Eo, da industria ao turismo

Un concello do interior galego como A Pontenova, nacido a partir da fusión de dous municipios ricos en ferro, foi durante décadas un polo industrial e un motor económico da Mariña. Anos despois desa etapa dourada, apóstase no atractivo do patrimonio fabril para buscar as visitas culturais.

Na fronteira entre Galiza e Asturias, lindando con Trabada e Taramundi, hai un misterio por descubrir. A Pontenova é todo un descoñecido para a maioría das e dos galegos, mais este pequeno concello de pouco máis de 2.000 habitantes garda máis historia da que se poida imaxinar calquera cando emprega a nacional que o cruza como zona de paso. Hai máis dun século este recuncho do país foi un motor económico e industrial da Mariña. Hoxe está a renacer como destino turístico grazas a unha ampla visión do que o seu pasado pode achegar ao público interesado no patrimonio, na historia, na cultura e no medio ambiente.

É posíbel que algunha xente saiba o nome desta zona pola súa exaltación gastronómica da troita ou porque lle chamaran a atención as chemineas que agardan ao outro lado da ponte conducindo cara a Asturias, pero ofrece aspectos exclusivos na Galiza cuxo valor está por recoñecer. Sen ir máis lonxe ten a única Vía Verde da nación a pesar de que no Estado Renfe contabiliza 161 destes camiños gañados ao balastro e ás travesas.

Se ben na oficina de Turismo puntualizan que a Vía Verde do Eo é compartida con San Tirso de Abrés, en Asturias, o certo é que foi creada a partir dunha instalación industrial da Galiza interior. Este é un punto forte do municipio, que leva anos cunha estratexia turística para relanzar a súa economía baseada no fértil pasado fabril.

En 1895, cando se outorgou a concesión para abrir e explotar unhas minas de ferro á Sociedade Sucesores de J.B. Rochet e Cía, nin tan sequera existía A Pontenova como tal. Foi a actividade industrial dos municipios veciños de Vilaoudrid e Vilameá a que acabou dando lugar á fusión no que hoxe se coñece como concello. Até nese paso social e económico a zona foi adiantada ao seu tempo.

Mais volvendo a vista atrás, hai que pararse a analizar a proxección internacional que conseguiu a bisbarra grazas a unhas minas de ferro e á construción da vía do ferrocarril para embarcar o material no cargadoiro do Porto Estreito de Ribadeo. Todo comezou coa solicitude e a concesión da licenza de explotación entre os anos 1894 e 1895.

A construción da vía férrea foi parella á ampliación

Cinco anos despois constituíuse a Sociedade Mineira de Villaoudrid “por tempo indefinido e cun capital social de 4.000.000 pesetas” e 49 hectáreas de terreo para extraer o ferro. Xusto un ano máis tarde o accionariado logrou a aprobación para implantar un ferrocarril entre a pequena poboación e Ribadeo.

Non había subvencións polo medio pero pouco importaba porque a empresa ía medrar a gran velocidade. Mentres as escavacións e voaduras se sucedían e se daba forma aos dous primeiros fornos de calcinación para transformar o material no produto final que querían as compañías compradoras, tamén avanzaba a vía férrea.

Tanto é así que no mesmo ano, en 1903, estreouse o segundo forno e a vía. O 18 de abril partía do que hoxe é A Pontenova a primeira locomotora tirando do mineral. A importancia deste momento a nivel social e económico non foi baldía. Hai que ter en conta, como indican na área de Turismo, que era “o único tren mineiro que houbo na Galiza”.

“As minas eran das máis importantes que había xunto coas de Viveiro”, engaden. O proceso de apertura dos espazos comezaba con maquinaria pesada para que, a continuación, os operarios abriran ocos para a dinamita. As voaduras eran, sobre todo, nocturnas e abrían cavidades de entre “once e quince metros de alto” nas que se recollía o ferro para ser tratado. Era a actividade industrial máis grande dos dous desaparecidos municipios, a que daba de comer a gran parte da cidadanía e permitía, dalgún xeito, a evolución da zona en todos os aspectos. Tamén foi a industrialización que viviu A Pontenova antes e após ser concello.

Durante un par de décadas a actividade fabril nun puido ser máis positiva: había dous grupos de minas e, en paralelo, dúas zonas de fornos. As bautizadas como ‘Consuelo’ e ‘Boulloso’, do grupo Boulloso, e as orixinais de ‘Vieiro’, ‘Eneas’ e ‘Luisa’, da firma Vilaoudrid. Todo funcionaba tan ben exportando a “Alemaña, Inglaterra, Escocia, etcétera” con mercantes propios que a concesionaria da vía do ferrocarril atreveuse a sumarse ao tráfico de viaxeiros.

En 1925 fecharon as explotacións de Boulloso e só quedou un forno en pé. En 1936 a Guerra Civil impediu a circulación de carbón, obrigando a parar a produción porque non había con que converter o ferro no que demandaba o mercado. Dous anos máis tarde houbo certo restabelecemento pero a realidade era que a etapa dourada tiña pasado.

Despedida do ferrocarril e intento baladí

En 1965 baixou do tren a última clientela e o derradeiro cargamento de mineral. Ao ano seguinte Explotación de Ferrocarrís polo Estado –máis tarde Feve– quedou coa vía para o seu desmantelamento.  Din desde Turismo que mesmo daquela, con todo na súa contra, unha equipa de operarios volveu traballar na extracción a través dunha cooperativa. Durante arredor de dous anos mandaban o mineral a Ribadeo en camións, pero esa iniciativa cidadá para manter viva a fonte de diñeiro e emprego da comarca non callou.

Nos últimos tempos, desde que o antigo percorrido mudou na Vía Verde do Eo, o Goberno local viu o potencial dun pasado industrial para labrar un futuro turístico. Durante o inverno realízanse itinerarios guiados polos fornos, dos que están rehabilitados os cinco do núcleo da Pontenova e o que quedaba en Boulloso. Tamén se promociona o paseo polo espazo natural incluído na Rede Natura.

Non hai que esquecer que se trata da Reserva da Biosfera Río Eo-Oscos-Terras de Burón. “No antigo teleférico vaise facer unha tirolina de 30 metros”, avanzan desde Turismo, onde tamén aclaran que hai interese e estudos para poder abrir ás visitas “a mina ‘Consuelo’” nun futuro próximo. O problema fundamental é contar con fondos para facer unha obra que asegure por completo o espazo, de maneira que este puidese soportar o acceso de todas as persoas. 

O novo auxe económico, en semellanza con aquela concentración da actividade “industrial, comercial, social e cultural” na vila, depende de seguir a despregar toda esta estratexia.

A historia férrea

Os restos que deixaron as empresas explotadoras das minas foron rehabilitados e son un atractivo turístico máis. Pero tamén hai que botar unha mirada ao pasado para tirar conclusións da extracción do ferro. 

Foi na conca do río Eo onde se mineralizou o ferro a maior escala e, por iso, buscouse o asentamento da Pontenova para localizar os máis grandes e antigos depósitos de mineral na terra. O ferro extraído foi un dos primeiros en operar no mercado internacional. O fechamento da industria non implicaba que non quedase nada que extraer, senón que outros países foron entrando no xogo mercantil.

O encanto da ruta

A Vía Verde do Eo tamén se coñece na contorna como a ruta do ferrocarril –pois puxéronse en marcha un total de seis itinerarios para atraer as e os siareiros do sendeirismo– e pasa por lugares moi interesantes. 

Quer desde un punto de vista patrimonial, quer desde o prisma medioambiental, este paseo de 12 quilómetros faise moi interesante. 

Desde Turismo da Pontenova aclaran que está accesíbel un terzo do antigo trazado do tren, desde a oficina de Turismo da Pontenova até a estación de San Tirso, reconvertida nunha vivenda particular. 

O lado de Ribadeo

Dúas terceiras partes do trazado daquel ferrocarril mineiro, que tamén decorren por Asturias, continúan desaproveitadas. Dise que nos plans do concello de Ribadeo houbo interese por abrir camiño cara a Vía Verde do Eo desde o seu lado.  

O problema é que polas zonas sobre as que habería que actuar hai canalizacións de auga e outros servizos. Mesmo o municipio de Trabada podería tirar partido dunha estratexia turística a tres bandas que, de momento, parece improbábel.

Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.

deputacion lugo

Comentarios