DAVIDE PÉREZ, ARQUEÓLOGO

"A Vía Nova foi concibida para ser eterna, como todo o que  facía Roma nese momento"

O próximo 29 de abril celébrase en Bande (Ourense) a xornada "A Vía Nova, un camiño de Europa", que organiza a eurodeputada galega Lidia Senra, para dar a coñecer a situación a lamentable situación a Vía Nova, a autoestrada romana mellor conservada da Península que está sumida no esquecemento por parte da Xunta. Falamos co arqueólogo Davide Pérez da Asociación Arnau, comprometida coa recuperación deste itinerario. 

1. Colocacio¦ün de dous miliarios qque atopamos en Congostro
photo_camera Colocación de dous miliarios que a Asociación Arnau atopou en Congostro [Foto: Davide Pérez]

- A Vía Nova non é un itinerario moi coñecido socialmente. Para as profanas na materia, que é a Vía Nova e por que debe ser valorada e conservada?
- É verdade que a nivel profesional si que o é, porque é un dos tramos de vía romana mellor conservados da Península, pero a nivel divulgativo non, porque non se traballou o suficiente sobre ela. Pero si que debe ser valorada, por todo o legado que conserva inherente a ela: as pontes (a do Bibei, a de Cigarrosa, Ponte Pedriña, Ponte de San Miguel) de gran beleza; e a infraestrutura que levaba asociada, os miliarios, o campamento romano de Aquis Querquennis, que se fixo para construír a vía e controlala; as mansións [paradas de postas e hospedaxe] que se dispuñan cada 20 ou 30 millas como hoxe os albergues para que descasaran os que viaxaran por ela. Todo ese legado é moi importante. E ten unha grande riqueza paisaxística. Atravesa dous ou tres parques naturais, a Serra da Enciña da Lastra, o Xurés, o Gerês, o Macizo Central, os viñedos de Valdeorras, a depresión de Maceda. É dunha biodiversidade e dunha riqueza paisaxística espectacular. Só por estes valores debería ser máis conservada e promocionada. 

É dunha biodiversidade e dunha riqueza paisaxística espectacular

- Construíuse para unir Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga). En que tempo?
- Construíuse para darlle saída ás mercadorías e había unha alternativa, pero fíxose esta máis rápida. Inaugurouse no ano 69 D.C. Foi tardía e construída na época de máximo apoxeo do Imperio, de aí que a obra tivese un trazado de enxeñaría moi bo. Foi concebida para ser eterna, como todo o que  facía Roma nese momento. E, de feito, hoxe, dous mil anos despois, consérvanse tramos intactos nalgunhas zonas zonas do Xurés, do Macizo Central e da Serra da Lastra. E as pontes, na ponte Bibei aínda pasan hoxe os coches por ela. De aí ven a espectacularidade desta vía. 

- Cantos quilómetros ten e cantos deles pasan por Galiza?
- Son 213 millas romanas, uns 315 quilómetros máis ou menos. Case todo o trazado discorre por Galiza, menos as primeiras 40 millas desde Braga á fronteira de Portela de Home, e casualmente o Gerês e o Xurés son os tramos mellor conservados. E logo o tramo desde que sae da serra da Enciña da Lastra en Cacabelos até Astorga, son as últimas millas que discorren pola parte da Galiza ocupada, polo Bierzo, vamos [risos].

Na Limia, en Maceda e noutros moitos tramos desapareceu porque foi suplantada por estradas modernas, pola parcelaria, etc.

- Até cando foi usada esta Vía?
- Pensamos que até pouco despois da caída do Imperio Romano. Así como naquel momento era necesaria porque todo o que facía o Imperio era a grande escala, e tiña que conectar en Astorga coa Vía Un que se dirixía a Roma, desde que caiu o Imperio e se cambiou a configuración do territorio, deixou de ter funcionalidade esa "autovía", porque daquela tiña entre 9 e 11 metros de largo. E a partir de aí os camiños medievais pasan a ter tres metros de largo, para que pase un carro, pouco máis. E a vía romana estaba concibida para que se cruzaran grandes carruaxes, cabaleirías e todo tipo de tráfico. Sen embargo, na Idade Media funciona todo a pequena escala: pequeno comercio, feiras locais, etc. De feito, na propia Vía Nova ao paso polo Xurés o trazado romano queda obsoleto e aprovéitase unha esquina e faise un camiño medieval con esa vía. 

- En que estado está actualmente?
- Moi abandonada nalgunhas zonas. Na Limia, en Maceda e noutros moitos tramos desapareceu porque foi suplantada por estradas modernas, pola parcelaria, etc. Pero o seu trazado sabíase por onde ía e nalgunhas zonas consérvanse algúns restos. Na Limia ía sobre unha lomba para evitar o seu asulagamento en época de crecidas, e na lomba consérvase nalgúns tramos; e no Gerês/Xurés consérvase porque ía pola ladeira. Precisamente no Xurés foi entre a Portela de Home e a Saínza foi acondicionado por unha rede destas de camiños naturais que fai o Estado. Tamén o fixo na Serra da Lastra. E pódese circular por parte delas nalgunhas zonas. O problema é que eses camiños non teñen mantemento e moitas veces tes que ir case cunha fouce. Fan unha obra de infraestrutura de gran valor pero logo non o manteñen. Noutras zonas sería preciso intervir, sinalizar o trazado, recuperalo onde sexa posible, para poder facer unha rede de camiños, con albergues e poder circulalas en varias etapas como se fai no Camiño de Santiago. 

Noutras zonas sería preciso intervir, sinalizar o trazado, recuperalo onde sexa posible, para poder facer unha rede de camiños, con albergues e poder circulalas en varias etapas como se fai no Camiño de Santiago. 

- Que tipo de protección patrimonial ten?
- É BIC, Ben de Interese Cultural, nalgunhas zonas. Noutras non, porque o seu trazada é hipotético e non está ben estudado, aí carece de protección. 

- Hai algún trazado oficial?
- Os tramos oficiais, que están inventariados, si que están protexidos, con 200 metros de protección a cada lado. Pero noutros, como puiden comprobar aquí recentemente en Bande, foi obxecto dunha repoboación forestal enriba do trazado da vía. Iso é o que acontece ao non estar ben estudada e documentada. A Vía Nova, como nós pretendemos que sexa patrimonio da Humanidade, é un conxunto, un todo, onde se conserva todo o patrimonio que leva todo ao seu redor atesourado. Pero todo iso require dunha pequena intervención para recuperalo e poñelo en valor. 

- Que está a facer a Xunta con todo isto?
- Non sabemos. A grande escala. A pequena, o ano pasado por exemplo, limpou o trazado da Vía no Xurés, porque é un trazado moi ben conservado, pero noutras zonas non me consta que estea facendo nada. 

En Bande a Vía foi obxecto dunha repoboación forestal enriba do trazado. Iso é o que acontece ao non estar ben estudada e documentada.

- Hai algún plan integral para recuperalo?
- Fíxose un Plan Director no 2008 ou 2009, co bipartito, cando era director xeral de Patrimonio Felipe Arias. Daquela fixérase o Plan, pero quedou en nada. 

- A Asociación Arnau, á que pertences, reclama que se declare Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Non parece doado. 
- É moi difícil e precisamos axuda desde as institucións. Nós reivindicamos desde o 2009 á Xunta con informes e escritos para que declare camiño xacobeo o tramo entre a Portela de Home e Ourense, que vén pola Vía Nova até Santa Comba de Bande e logo segue até Ourense. Había un albergue de peregrinos en Bande, Santa Comba era un mosteiro onde paraban os peregrinos... Todo isto está documentado. 

- Este camiño en que época funcionou?
- Desde o século IX e X até o século pasado. Aínda os máis vellos se acordan de pasar peregrinos por alí. Estamos reivindicando iso como axuda para que colla máis potencial a Vía Nova, para que acheguen peregrinos da zona de Braga, que viñan por aí antigamente. Pero non nos fan caso, nin se quera nos contestan. Os alcaldes da Limia reuníronse en Celanova en 2013 e fixeran un escrito achegando a documentación á Xunta do camiño que agora lle chaman de San Rosendo. E eles tampouco tiveron resposta. 

Fíxose un Plan Director no 2008 ou 2009, co bipartito, cando era director xeral de Patrimonio Felipe Arias. Daquela fixérase o Plan, pero quedou en nada. 

- E vós desde a asociación que actuacións prioritarias reclamades?
- Nós reclamamos, en primeiro lugar, que se estude para declarar xacobeo ese tramo da Vía Nova e que se lle dote da infraestrutura necesaria. E logo, que se recupere todo o trazado da Vía até a Serra da Enciña da Lastra. Para que unha persoa que lle apeteza facer a Vía Nova en varias etapas poida facelo. E, ademais, que se protexa todo o trazado para evitar agresións, que se lle planten piñeiros ou que se abra unha pista forestal por riba. 

Nós reivindicamos desde o 2009 á Xunta con informes e escritos para que declare camiño xacobeo o tramo entre a Portela de Home e Ourense, que vén pola Vía Nova até Santa Comba de Bande e logo segue até Ourense. 

- Cres que podería ter aproveitamento turístico?
- Si, para o interior da provincia sería fantástico, porque ten tanta despoboación e pobreza cultural... Creo que sería un empuxe tremendo, sobre todo na Baixa Limia, que non para de perder poboación. Imaxina que se poida declarar Patrimonio da Humanidade un trazado de máis de 200 quilómetros con patrimonio arredor asociado. 

- Estas xornadas que se celebran esta fin de semana, que cres que poden achegar?
- Polo menos coñecemento. Que a xente fale do tema, imos visitar os tramos mellor conservados para que a xente se decate da súa beleza e do seu potencial, que os expertos expoñan o seu punto de vista e que se argallen accións encamiñadas a recuperalo para que nun futuro se poida percorrer. 

Comentarios