Unha vez liberado Valle-Inclán para o galego, o CDG leva a escena dúas pezas do autor

2017 é o ano da liberación de Valle-Inclán para as linguas non maioritarias deste Estado. E o CDG celébrao levando a escena as pezas ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’.

CDG
photo_camera Presentación da nova temporada do CDG no Salón Teatro

O 1 de xaneiro de 2017 os dereitos de Valle-Inclán quedan libres e queda, polo tanto, sen efecto a prohibición da familia do autor arousán de interpretalo en galego, euskara e catalán. Será xa que logo o ano da “desamortización valleinclanesca”, tal e como o definiu Cándido Pazó nunha entrevista a primeiros de ano en Sermos. 

E o CDG, logo de levar a escena en 1998 da man de Manuel Guede unha obra de Valle en español por primeira vez na súa historia, regresa agora coa obra deste dramaturgo, xa que non puido facelo neste 2016 no que se celebraba o 150 aniverario do seu nacemento. A estrea será o vindeiro 31 de marzo co espectáculo ‘Martes de Carnaval’, integrado polas pezas ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’.

A estrea será o vindeiro 31 de marzo co espectáculo ‘Martes de Carnaval’, integrado polas pezas ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’.

Así, co mesmo nome da triloxía publicada en 1930, ‘Martes de Carnaval’, chegarán en galego aos escenarios dúas obras cumio da época do esperpento, baixo a dirección de Tito Asorey (‘As galas do defunto’) e de Marta Pazos (‘A filla do capitán’); e cun elenco de dez actores e actrices que será escollido nun proceso de audición pública. 

Nova temporada do CDG

Esta mañá tivo lugar a presentación da nova temporada do CDG, baixo a dirección de Fefa Noia, que suma outros catro títulos que se materializarán en réxime de coprodución con compañías privadas. Deste xeito, aos xa coñecidos ‘O conto de inverno’, de W. Shakespeare, e ‘Vida e morte de Daniel Faria’, de Pablo Fidalgo, que se exhibirán en Compostela no mes de xaneiro, incorpóranselle dous novos proxectos. O primeiro deles será ‘Os mortos daquel verán’, unha lectura dramatizada sobre a novela policial de Carlos Casares con adaptación de Diego Rey e Artur Trillo, realizada xunto con Talía Teatro e a Fundación Carlos Casares, que será escenificada do 16 ao 18 de maio e coa que o CDG se suma á homenaxe do autor do Día das Letras de 2017.

A Panadaría, en coprodución co CDG, levarán ás táboas a historia de Elisa e Marcela

Elisa e Marcela nas táboas

‘Elisa e Marcela’ é a outra montaxe elixida, desta volta en coprodución con A Panadaría, para levar a escena un texto sobre as mulleres protagonistas do primeiro matrimonio homosexual que tivo lugar no país, concretamente na Coruña, en 1901. Gena Baamonde e Esther F. Carrodeguas son tamén coautoras deste texto, que ten planificada unha residencia artística en setembro e as representacións en outubro no Salón Teatro.

Segundo o CDG, o plano de residencias sairá reforzado nos vindeiros meses e enfocarase, sobre todo, a artistas pertencentes ás novas xeracións escénicas. Os medios técnicos e humanos da sede escénica do CDG, o Salón Teatro, poranse a disposición do desenvolvemento destas novas propostas. Así, ademais da citada ‘Elisa e Marcela’, darase cabida a ‘Salvador’, con texto e dirección de Borja Fernández; ‘Política de terra queimada’, de Germán Gundín, Merche Pérez, Antón Piñeiro, Diego Rodríguez e Amanda Seijas; ‘Desconexión’, con dramaturxia e dirección de Santiago Cortegoso; e ‘Tropical’, de Gonçalo Guerreiro e María Torres.