ANA VALLÉS, DIRECTORA DE MATARILE TEATRO

“Vexo o teatro galego un pouco parado”

Matarile cumpre 30 anos na vangarda do teatro galego e peninsular. E celébrano do 1 ao 5 de marzo representando as súas obras máis recentes no Teatro Principal compostelán. Falamos con Ana Vallés, o 50% dunha compañía-emblema que comparte con Baltasar Patiño. 

anavalles2
photo_camera Ana Vallés no espectáculo 'Teatro invisible'

- Que pasou hai 30 anos para que botara a andar Matarile Teatro?
- Por aquel entón non tiñamos claro a que nos iamos dedicar. Baltasar [Patiño] e mais eu tiñamos un obradoiro de construción de monicreques e escenografías para outras compañías. E niso decidimos, apoiados por amigos que nos convenceron, facer unha primeira obra de marionetas para adultos. Esa foi a primeira logo xa comezamos a traballar con actores. Foi unha evolución. Igual me parece quizais máis destacables outras evolucións que houbo despois, as aperturas por parte de Matarile do Teatro Galán e máis adiante En Pé de Pedra, que foron todo derivas do traballo da compañía. 

- Para vós iso serían os momentos máis importantes da vosa carreira.
- De cara ao público si, eran actividades extra Matarile derivadas das mesmas ideas, do mesmo interese polas artes escénicas contemporáneas, abrir eses outros espazos onde tiñan cabida máis propostas ademais da nosa, outras linguaxes. E amosalo en Galiza. Decidimos abrir en Santiago o Teatro Galán e tamén crear aquí o Festival de Danza en Pé de Pedra. 

"asumimos unha situación imposta de asfixiamento da cultura e acomodámonos a unha reducción de todo, de aspiracións, de calidade nas propostas, do risco"

- Proxectos ilusionantes que logo houbo que pechar. Supoño que serían tamén os momentos máis duros. 
- Si, pero ao longo da vida vas pasando por determinadas etapas, e rematan unhas e comezas outras. E iso hai que asumilo tamén. O que non quixemos cando pechamos foi deixar que foran morrendo por asfixia, que era o perigo que corrían naquela época cando pechamos. Daba moita vertixe, pero pechámolos e creo que estivo ben. De feito, cando paramos unha temporada a compañía, de 2010 a 2013, esa foi a maior vertixe. Tiñamos por aquel entón grupos de moita xente, 13, 14 persoas, espectáculos grandes, e todo iso comezou a ir cara abaixo e non queriamos que sucedera. E despois deses tres anos de parada volvemos doutra maneira, traballando doutro xeito, máis en equipo. 

- Diciades que parastes pola crise, pero que logo vos veu ben para reflexionar.
- Si, porque cando te afastas do día a día colles outra perspectiva. Iso deunos unha perspectiva de valorar por onde ían as derivas, que é o que queriamos, e tomar a decisión absoluta de que fora como fora, a nivel económico, iamos seguir sempre facendo teatro. Paramos a compañía, pero nós continuamos con outros proxectos. A nosa vida é o teatro, iso é impepinable. 

 "Por iso ao primeiro espectáculo lle chamamos 'Staying alive', por iso de que estamos vivos, desde a peor Europa posible, pero estamos vivos"

- Hai un Matarile Teatro despois de 2013?
- Eu creo que nunca hai nada novo. Un sempre vive e se alimenta de todo o que fixo anteriormente, aínda que che pese. Estás sempre dando pasos sobre o que fixeches. Eu creo que é simplemente unha evolución. Se cadra nótase no salto que, por exemplo, a nivel teatral, nos centramos na comuncicación e no espectador, no papel que xoga o espectador, por riba de todo. Se cadra parece de perogrullo pero non é así. Cal é o papel que lle damos ao espectador, que lle permitimos, como nos situamos con respecto a el? Cada vez as obras son máis cercanas ao público, tamén por iso son os aforos son limitados. 'El cuello de la jirafa' é un espazo compartido co público, unha gran mesa. Imos cada vez máis por aí ultimamente. 

- Cando mirades atrás, que valoración facedes da vosa traxectoria?
- É que iso é moi difícil de dicir desde unha mesma. Nós estamos moi satisfeitos do que fixemos, tendo en conta que nunca se está de todo satisfeito, porque se non non farías nada máis. Eu creo que foi unha evolución moi bonita, moi orgánica, desde o comezo de todo. Sempre moi centrados no corpo, no movemento, moi ligados á danza, de aí que decidiramos abrir un teatro que programara teatro e danza contemporáneas. Daquela non había ningún espazo en Galiza que o fixera. Todo está ligado e é unha deriva, unha evolución que se vai debuxando . 

"A nosa vida é o teatro. Iso é impepinable"

- Como vai ser este 2016 de aniversario? En Santiago ides representar as obras que fixestes desde esa crise.
- Si, porque a evolución vese no último que estamos facendo agora. Non nos interesaba repoñer espectáculos, senón mostrar o que está vivo agora. Non é un punto aparte con todo o que chegamos a facer. O teatro ten sentido cando se fai, non ten sentido representar outra vez unha obra de hai 10 anos. Non a farías da mesma maneira, xa non somos os mesmos. E ademais, complementámolo coas 'Ponencias perras' nas que convidamos a unha serie de persoas ás que lle pedimos que poñan en tela de xuízo algúns clixés da escena contemporánea. Eu creo que vai ser divertido. 

- Paralelamente á vosa crise e renovación, no teatro galego tamén houbo moitos movementos. Como ves o sector agora mesmo?
- Vexo o teatro galego un pouco parado, quizais. As xeneralizacións sempre son malas, pero en xeral creo que asumimos unha situación imposta de asfixiamento da cultura e acomodámonos a unha reducción de todo, de aspiracións, de calidade nas propostas, do risco. Si, vexo que non hai unha conciencia dun nós colectivo, como que cada un vai polo seu lado intentando salvar a súa situación particular. No hai unha conciencia dun nós, e aí englobo ao espectador. 

"Vexo que non hai unha conciencia dun nós colectivo, como que cada un vai polo seu lado intentando salvar a súa situación particular. Non hai unha conciencia dun nós, e aí englobo ao espectador"

- Pois seica hai novas compañías que están petando forte. Vexo que non o compartes...
- Non é que non o comparta. Sempre hai renovacións e novas xeracións. Eu teño toda a ilusión posta nelas, que é o que pode traer un aire fresco ou outro tipo de conciencia e de entusiasmo, que vexo que foi o que se perdeu polo camiño da crise, ese entusiasmo. De feito fixen un espectáculo que se titulaba 'Historia natural (eloxio do entusiasmo)'. Paréceme fundamental para a creación e si que o boto en falta. Teño completa esperanza nas novas xeracións, coñezo xente nova da profesión, sígoa de preto, e estou desexosa de ver como cambia o panorama. Non son pesimista, creo que a situación que atravesamos deixounos moi tocados. E é como que hai poñer en marcha cousas, resortes, que se apagaron e que hai que volver a prender. Por iso ao primeiro espectáculo lle chamamos 'Staying alive', por iso de que estamos vivos, desde a peor Europa posible, pero estamos vivos. 

- E para rematar, dado que a vosa orixe está nos monicreques, quería preguntarche pola detención dos titiriteiros en Madrid. 
- De entrada paréceme moi desproporcionada a reacción. Que haxa uns titiriteiros na cadea tan rapidamente, con tanta premura, por parte da policía e da xustiza... Paréceme un pouco esaxerado en relación a todo o demais que vemos cada día. Os presuntos ladróns, estafadores, saqueadores que non rematan de pasar polo xulgado nin de pagar as súas débedas... 

Comentarios