Vertixe Sonora, desde Galiza e para a Society for Contemporary Music

O festival organizado pola agrupación comeza a súa IX edición este sábado en Lugo. As actuacións decorrerán até o 18 de decembro. Esta inauguración coincide co nomeamento de colectivo como delegación no Estado español da International Society of Contemporary Music.
Algunhas das persoas que son parte da agrupación. (Foto: Vertixe Sonora)
photo_camera Algunhas das persoas que son parte da agrupación. (Foto: Vertixe Sonora)

A International Society of Contemporary Music, institución organizadora dos World Musica Days, elixiu Vertixe Sonora para recuperar a ISCM-España, é dicir, a sección estatal que desaparecera tempo atrás. A nova dáse a coñecer coincidindo no tempo coa inauguración da IX edición do Festival de Música Contemporánea MIHLSons, que decorrerá deste mañá até o 18 de decembro en Lugo. 

Vertixe Sonora revelou esta sexta feira o paso adiante dado despois do convite da ISCM para ser a súa delegación no Estado español “co obxectivo de favorecer o coñecemento e a difusión internacional da música española e contribuír ao intercambio cultural no eido da creación sonora”.

No camiño ao centenario da institución mundial -que será en 2022 e terá unha gran celebración-, considera que “a música e a creación” galegas toman un papel protagonista a nivel mundial porque é a primeira vez que se fornece esta oportunidade a unha agrupación galega.

Esta liga o recoñecemento de carácter internacional que é a petición aos dez anos de traballo no que se realizaron máis de 200 recitais e deuse visibilidade tamén á 200 novas composicións de 170 creadoras e creadores orixinarios de 40 países.

Neste contexto de celebración, o colectivo promove (co apoio do Concello de Lugo) a novena edición do Ciclo de Música Contemporánea MIHLSons-XXI, que comeza este mesmo sábado ás 18.30 horas co concerto Vítreo-Baixo o signo do Vidro de Nuno Aroso. Malia levar só nove anos de traxectoria, a iniciativa xa opta por certos aires de renovación a través das cinco propostas deste 2021. 

Así, o público poderá gozar de actividades vencelladas á exploración da intelixencia artificial, a interacción entre a música e o cinema en The Pawnshop e mesmo a colaboración entre ser humano e máquinas do concerto New Music, New Paths. 

Aliás, o aspecto divulgativo do ciclo verase representado en tres charlas didácticas que darán as chaves das propostas musicais que acompañan desde este 20 de novembro ao 18 de decembro.

"Todas as grandes novidades, tamén na música occidental, xorden de repentinos descartes da tradición, repentinos empeños nunha linguaxe fóra das regras e da racionalidade na que parecía estabelecerse o seu significado, para acadar forza e orixinalidade deses elementos escuros e non racionalizábeis que palpan máis de perto a natureza pre lóxica do home e a sociedade", di, aludindo a palabras do experto Enrico Fubini. 

Comentarios