DO 15 AO 17 DE ABRIL

Versos de toda Europa na sexta edición de PontePoética

A vindeira fin de semana Pontevedra acolle a sexta edición de PontePoética, o certame dirixido por Yolanda Castaño que acollerá poetas de todo o continente. 

castanho_yolanda_gabriel_tizon_2006
photo_camera Yolanda Castaño, directora de PontePoética [Gabriel Tizón - AELG]

O Ateneo e o Concello de Pontevedra acollen do 15 ao 17 de abril unha nova edición deste evento poético, que contará coa participación dos galegos Alicia Fernández, Francisco Fernández Naval, Gonzalo Hermo, Miriam Reyes e Eva Veiga, ademais de Blanca Llum (Cataluña), Juan Ramón Madariaga (Euskadi), Renato Filipe Cardoso (Portugal) e Lorna Shaughnessy (Irlanda do Norte). 

O programa comeza a sexta feira 15 de abril cun encontro poético con alumnado de varios institutos da cidade e, pola tarde, inaugurarase o evento ás 17.30 cun recital no Teatro principal de Gonzalo Hermo, Blanca Llum e Eva Veiga. Ás 19 horas, no mesmo escenario será a quenda de Francisco Fernández Naval, Alicia Fernández e Renato Filipe Cardoso. E rematarase á noite no pub El Pequeño cun videorrecital poético a cargo de Miriam Reyes. 

O sábado 16 pola mañá terá lugar un obradoiro de tradución poética da man da irlandesa Lorna Shaughnessy e, xa pola tarde, haberá un recital dos poetas Juan Ramón Madariaga, Lorna Shaugnessy e Miriam Reyes. Ás 19 horas clausurarase o festival cun recital no que participarán todos os poetas convidados, presentados por Yolanda Castaño. 
 
O domingo pola mañá pecharanse as actividades cun obradoiro de poesía a cargo de Gonzalo Hermo, o poeta de Taragoña que o ano pasado acadou o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández polo seu 'Celebración' (Apiario, 2014).

Comentarios