Os versos descoñecidos de Nicolasa Añón, a poeta labrega de Outes

Nicolasa Añón Paz non sabía nin ler nin escribir. Iso non foi impedimento para que a irmá maior de Francisco Añón fose autora dunha obra poética que agora publica a Asociación Cívico-cultural Terra de Outes, en edición de Ramón Blanco. 

Fragmento da portada do libro
photo_camera Fragmento da portada do libro

Este sábado, 31 de maio, ás 19.30 a Casa da Cultura da Serra de Outes abrirase para acoller á veciñanza na presentación do libro dunha poeta de Boel. O seu apelido é coñecido porque á historia da nosa literatura pasou o seu irmán maior Francisco Añon. De Nicolasa, labrega nacida en 1810 , apenas se coñecían dous poemas en galego que fixo públicos o xornalista Lisardo Rodríguez Barreiro nunha reportaxe de 1886. Sen embargo, xa un ano antes, Jacobo Lema Fernández elaborara un manuscrito con poemas de Nicolasa Añón, un texto que o seu propietario Francisco Martelo legou á Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes, entidade que agora edita en libro as creacións da poeta en edición doutro veciño de Outes, Ramón Blanco, responsábel da edición da que define como unha das “primeiras escritoras contemporáneas” en lingua galega. 

As pandereteiras de Outes abrirán o acto no que intervirán o presidente de Terra de Outes, Xoán X. Mariño e o autor do estudo e a edición, Ramón Blanco. A lectura dos poemas de Nicolasa Añón por parte do alumnado dos colexios de primeira e do instituto de Outes pechará a presentación dun libro que bota luz sobre a case descoñecida poeta de apelido Añón. 

Comentarios