Literatura

As verbas de Artís-Gener chegan ao galego

A novela Palabras de Opoton o Vello, un dos clásicos da literatura catalá do século XX, foi traducido ao galego.
Retrato de Avel·lí Artís-Gener (Salvador Sansuán).
photo_camera Retrato de Avel·lí Artís-Gener (Salvador Sansuán).

A novela Palabras de Opoton o Vello, un dos clásicos da literatura catalá do século XX, asinado por Avel·lí Artís-Gener, acaba de chegar ás librarías traducida á lingua galega. Curiosamente, a obra está ambientada na Galiza de 1498, nun mundo no que o escritor optou por darlle a volta á historia. Na ficción, seis canoas aztecas que partiron de México alcanzan a costa galega na súa procura do novo mundo. Pouco antes do xenocidio de América, a novela emprega a ollada quer inocente quer desconfiada coa que observan e interpretan a vida e os costumes galegos de finais da Idade Media para denunciar a conquista e dominación dos pobos.

Artís-Gener utiliza o coñecemento das linguas propias de México, como o náhuatl, para realizar un "xogo de espellos que fascina nunha novela chea de humor, magnificamente traducida por Eduard Velasco", sinalan desde Xerais. O autor, tamén coñecido como Tísner, estivo exiliado en México durante 25 anos, integrándose na realidade do país e deixando voar a súa paixón pola cultura precolombina, da que esta novela é, en boa medida, resultado. A súa vida estivo marcada polo compromiso político, sendo durante a guerra civil española voluntario no exército republicano. Foi ademais xornalista, pintor, escenógrafo, tradutor e director artístico de publicidade.

Comentarios