sábado 16/10/21

O verán de... Miguel Mosqueira: "Temos concertos programados para o verán"

Conversamos co músico no 'Caderno de verán'.

Miguel Mosqueira. (Foto: Rocío Cibes).
Miguel Mosqueira. (Foto: Rocío Cibes).

Os integrantes do grupo Ataque Escampe collen vacacións no verán?

Si, collemos. Sempre estamos pendentes por se nos sae algún concerto e tamén de ensaiar para as actuacións que imos tendo, pero ademais do grupo contamos cos nosos traballos principais cos que si 
collemos vacacións. 

E cando non teñen concertos, que actividades lle gusta realizar?

A min gústame ler, gústame pasear, facer sendeirismo e encántame ver cine. Menos o de camiñar, os meus compañeiros compárteno todo. Durante o verán gústame especialmente facer vida social, quedar con xente coñecida, amizades, e recuperar a distancia do curso. Tamén me gusta moito viaxar.

Se lle gusta viaxar, ten algunha escapada pensada para estas vacacións?

Sempre acostumaba viaxar fóra da Galiza até o verán pasado. Eu non me informo demasiado dos sitios que visito polo que intento ir con xente que si; a min preparar as viaxes non é algo que me entusiasme, prefiro o momento de estar xa no destino. Pero non me gusta viaxar en plan turista, de feito escapo dos percorridos máis marcados; prefiro coñecer a vida singular do lugar e as persoas que viven nel.

E a nivel galego, hai algún lugar que lle guste visitar durante o verán?

Si, vou moito á miña aldea que está no concello de Agolada. Eu son máis de montaña que de praia, prefiro a tranquilidade do monte, o silencio e a paisaxe no seu máximo esplendor. Na miña zona hai unha gran riqueza paisaxística que me transmite unha gran relaxación e un forte vínculo coa 
propia natureza. 

Con respecto á Covid, cambiou algo os seus plans?

O verán pasado estabamos programados para festivais que cancelaron a última hora, pero este ano xa temos tres concertos seguros en setembro e algún que falta por confirmar. Mentres tanto, a flexibilidade dos horarios de verán permítenos preparar novos temas.

Podería recomendar un libro ou un grupo de música para este verán?

Recomendo o libro Só un home bo, de Raúl Dans e, con respecto á música, recomendo un grupo internacional clásico: os Talking Heads.

comentarios