martes 28/09/21
Caderno de Verán

O verán de... María Lado: "Eu practico “as vacacións de pobres”, esas de pasar o verán nas casas dos nosos coñecidos"

Conversamos con Maria Lado no 'Caderno de Verán'.
María lado

Como poeta e integrante de Aldaolado, ten moito traballo este verán ou vai poder coller vacacións?

Pois teño bastantes encargos de escribir e tamén moitos bolos con Aldaolado entón será un verán moi parecido ao resto do ano, non vai cambiar moito esta época, por sorte. A única diferenza que noto é que están os meus fillos na casa porque non teñen escola. Ás veces faise complicado compaxinalo todo, o meu compañeiro ao ser músico tamén ten moito traballo durante o verán, entón resulta algo estresante. Pero estou moi agradecida, ultimamente vexo que a xente quere saír e desfrutar de espectáculos, despois dun ano tan duro é normal.

Aínda que neste verán teña moito traballo, algo de tempo libre terá. Que actividades lle gusta realizar?

Descansar, a verdade é que estou esgotada. Tamén me gusta ler e saír de excursión cos meus fillos a calquera sitio, é o que máis facemos. Ademais sempre imos visitar a familia e amizades, maioritariamente á Costa da Morte e a Compostela. Eu chámoas “as vacacións de pobres” esas de pasar o verán nas casas dos nosos coñecidos. Nese sentido a Covid non cambiou moito as miñas vacacións porque sempre estamos en familia e, cando facemos algunha saída, ao aire libre.

Ademais dos sitios que comenta, hai algún lugar onde lle guste especialmente pasar as vacacións?

A Costa da Morte. Eu son de Cee entón gústame moito ir aos lugares que relaciono coa miña infancia: pequenas praias da zona, a praia de Carnota, visitar tamén algún faro... en xeral andar polos concellos dos arredores.

Podería recomendar un libro, unha película ou o que queira para estas vacacións?

Recomendo os programas de Videodrome, de RTVE, para min é como ver unha película pero escoitando; son moi transversais. No referido á literatura, estou lendo a Rompente, de poesía vangardista e moi dos oitenta, e tamén un libro para xogar que se chama Crimes Ilustrados. É obra de Modesto García e trátase de diferentes ilustracións e o obxectivo é resolver pistas para descubrir un misterio. Son xogos de dedución interactivos e bastante difíciles, está moi ben.

 

 

O verán de... María Lado: "Eu practico “as vacacións de pobres”, esas de pasar o verán...
comentarios