domingo 24/10/21

O verán de... Jásper: "Somos moi privilexiados de vivir no rural"

Entrevistamos o músico no 'Caderno de verán'.

 

O músico Jásper.
O músico Jásper.

Un músico da súa sona colle vacacións?

Collo, o que pasa é que ao vivir no rural un nunca colle vacacións, hai demasiado traballo na finca. Desde que deixamos Nao no ano 2019 si se pode dicir que andamos nunhas pequenas vacacións continuas durante o verán, aínda que sigo tendo algún concerto en acústico.

E durante o tempo libre do verán que actividades lle gusta realizar?

Gústame moito ler, cando non estou traballando como mestre, dedico o meu tempo á lectura e ao traballo na aldea; teño animais e fincas que requiren moito traballo. Durante o verán, cando a miña compañeira Olalla Maneiro ten un momento libre, sempre buscamos un oco para ir á praia; gústanos moito Carnota, a Illa de Ons, a Illa de Arousa... e procuramos facer algunha escapada. 
Tamén adoitamos ir ao río Ulla coas miñas nenas ou a algunha praia fluvial. Persoalmente, o que máis me gusta das vacacións estivais é a sensación de non ter que depender de ningún horario e poder vivir nun maior contacto coa natureza, vestindo unicamente un pantalón curto e sen calzado.

Continúa a Covid-19 a truncar algún plan? 

O ano pasado queriamos ir ao Grove como cada verán pero decidimos quedar na casa todos xuntos. Este verán será parecido, gozando máis da natureza e do fogar. Coa pandemia decatámonos do privilexiados que somos por vivirmos no rural e poder desfrutar dun ambiente natural sen aglomeracións de xente. Con todo, como a situación xa está moito mellor, si contamos con facer máis vida social, asistir a concertos e demais.

Xa que lle gusta tanto ler, recoméndenos algunha lectura para este verán e algún grupo de música.

Gustaríame recomendar dous libros de María Sánchez: Tierra de mujeres, que me marcou moito, e Almáciga, unha recompilación de palabras en varios idiomas moi interesante. Agora estou lendo un libro de historia medieval; coido que é moi importante coñecer de onde vimos, ese reino suevo que se nos negou por completo. No referido á música, recomendo a Pauliña que ten un disco xenial para bailar e, evidentemente ás Tanxugueiras que están agora de xira.

comentarios