Un verán de cine medioambiental

O ciclo de documentarios A Dívida com a Terra -organizado polo centro social A Gentalha do Pichel- despídese de Compostela após oito proxeccións repartidas no mes de agosto. Coa colaboración dun heteroxéneo grupo de colectivos, a iniciativa quixo, alén de sinalar os ataques á terra do sistema capitalista, procurar alternativas e solucións.

Maca Igrejas e Carme Campo
photo_camera Maca Igrejas e Carme Campo

“Nun contexto en que o capitalismo afronta a súa descomposición, os seus ataques inda serán máis agresivos contra a nosa terra. Con todo, non queremos caermos no pesimismo, por iso, procuramos apoiarnos na forza do colectivo e na loita do común”. Así explica Maca Igrejas, da Comissom de Meio, da Gentalha do Pichel, o espírito do ciclo de documentais A dívida com a terra.

Durante o mes de agosto, oito proxeccións sustentaron esta iniciativa ambiental, de concienciación e difusión, nacida dun heteroxéneo grupo de traballo. A proposta, lanzada polo centro social compostelán, contou co apoio de Adega, Verdegaia, CNT, PIC, Véspera de nada, a Casa do Vento e Plataforma Adro. Cada grupo propuxo un documentario, onde marcou a súa personalidade, e ocupouse de dinamizar os coloquios que sucederon ás distintas exhibicións, arroupadas por un auditorio medio de 20 persoas.

Dende as desfeitas dos encoros, até a megaminaría, as piscifactorías ou como levar unha granxa de forma sostíbel. Os documentarios abordaron realidades moi variadas e, tal e como sinala Carme Campo, tamén integrante da Comisiom de Meio, “malia que non todos se focalizaron na Galiza, o conxunto de temas tratados eran extrapolábeis á realidade galega”.

Os documentarios abordaron realidades moi variadas: desde as desfeitas dos encoros até a megaminaría, as piscifactorias ou como levar unha granxa de forma sostíbel

“Como colectivo cultural que somos, os nosos obxectivos eran, alén da difusión, pórmos en valor o noso territorio, promocionarmos o seu coñecemento, analizar problemáticas e procurarmos conxuntamente solucións e alternativas”, explica Maca Igrejas, en conversa con Sermos Galiza.

E é que a filosofía que, nos últimos tempos, inspira a Comisiom, advoga pola integración con outros grupos que, malia que diferentes en ideoloxías e prioridades, souberon aparcar as discrepancias e procurar puntos de encontro en aras do ben ecolóxico común. “Estamos ilusionadas co resultado e non descartamos desenvolvermos outras actividades conxuntas no futuro”, confesa Campo.

A ACCIÓN DESTRUTIVA DO CAPITALISMO

Se algo saiu en claro da proxección de cada documental e de cadanseu coloquio, é que as distintas agresións ao medio ambiente son parte inseparábel do sistema capitalista e que a forma de as combater vén da mobilización do pobo. “Cada día somos máis escépticas co labor político porque toda solución ha de vir de fóra do sistema”, afirman Campo e Igrejas.

“Na Galiza, a poboación sempre utilizou o medio como unha fonte de recursos e coidouno porque lle aportaba un beneficio vital. Ao rachar esa forma de vida -após anos de desmantelamento- tamén se romperon os lazos de coidado”, reflexiona Campo. “Con este ciclo comprendín que temos que aprendermos a revalorizar o rural porque, cando está en situación de abandono, é cando as grandes empresas atacan”, engade a activista picheleira.

“A isto temos que acrescentar que o territorio se torna máis vulnerábel nun contexto de crise como o que atravesamos. Por mor desta situación de precariedade, a chantaxe dun posto de traballo -por precario que este sexa- acaba por solapar o resto de saídas; así se alimenta o sistema capitalista, das situacións de debilidade”, abonda a súa compañeira Maca Igrejas.

Malia recoñeceren o difícil que é que estas mensaxes cheguen a certas capas da sociedade galega, ambas se senten “satisfeitas” por este contributo para a loita ambiental, quer a través da divulgación das distintas desfeitas, quer na proposta de novos camiños máis sostíbeis. Convencidas de que “o labor educativo é fundamental”, Maca e Carme chaman á poboación galega a colaborar nas loitas de resistencia e a se auto-organizar na defensa da terra.

“Os mecanismos institucionais do poder e das grandes empresas para atacaren o entorno -sexa no ámbito dos encoros, da electricidade ou da megaminaría- son sempre os mesmos, por iso é doado identificalos. Unha vez informadas, só queda a acción colectiva e aí estaremos nós para sustentala”, conclúe Maca Igrejas.

Comentarios