Un verán de cine para case setenta concellos coruñeses

O programa Visións da Rede Cultural da Deputación da Coruña habilita 66 proxeccións ao aire libre até finais de agosto

cine ao vivo (1)
photo_camera Cine ao vivo

Un abano de cento dezaoito filmes poderán ocupar prazas, parques e xardíns de 66 vilas coruñesas grazas ao programa Visións da Rede Cultural da Deputación da Coruña. A iniciativa, que viaxará por concellos como O Pino, Valdoviño, Cariño, Cerceda, Lousame ou Monfero, durará até agosto e contará exclusivamente con filmes galegos no seu programa.

"Queremos abrir novas vías para facilitar o acceso a contidos audiovisuais na nosa lingua co fin de rematar coa anomalía que é a dificultade de asistir á proxección de contidos audiovisuais galegos", explica a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación, Goretti Sanmartín. A institución pública abre este ano esta nova liña de axudas á que destina un orzamento de 150.000 euros para o apoio aos contidos audiovisuais galegos e para a súa distribución e exhibición.

A oferta de filmes contará con obras como En todas as mans (Diana Toucedo), Crebinsky (Enrique Otero), Os Fenómenos (Alfonso Zarauza) ou A praia dos afogados (Gerardo Herrero). O público infantil, pola súa banda, poderá gozar con coproducións galegas como Pérez, o ratiño dos teus soños (Juan Pablo Buscarini), Maimiño e o espello máxico (Ernesto Padrón), A Tropa de Trapo (Alex Colls) e O Espíritu do Bosque (David Rubín e Juan Carlos Peña).

Comentarios