O verán de... Berta Dávila: "Non ter que facer nada pode ser un luxo"

Entrevistamos a escritora no 'Caderno de verán'.
Berta Davila. (Foto: Arxina)
photo_camera Berta Davila. (Foto: Arxina).

Unha escritora pode coller vacacións durante o verán?

Non fago un parón completo, mais no verán hai menos cousas de todos os tipos, e tamén escribo de maneira menos constante que no inverno. 

E durante o tempo libre que ten, que lle gusta facer?

Nada raro. Ler, ir ao cine, pasear, estar con xente en terrazas. Tamén me gusta moito non facer nada. Non ter que facer nada pode ser un luxo.

Gústalle o verán? Que actividades adoita realizar durante a época estival?

Antes era unha persoa de outono-inverno, agora gústame moito o verán: pór un vestido e unhas sandalias, meter un libro na mochila e pasar o día fóra sen ter conta das horas.

Ademais da praia, ten planeado facer algunha viaxe nestas vacacións?

Gustaríame poder facer algunha viaxe en coche, pero recoñezo que teño moitas reservas e non estou segura de que sexa prudente aínda. 

No que respecta á Galiza, hai algún lugar onde lle guste especialmente pasar o verán?

No verán gústanme as praias do Morrazo en particular, e o sur da Galiza e o Norte de Portugal como lugares de fuxida rápida, para improvisar unha fin de semana.

Parece que a situación debida á pandemia mellora, con todo, continúan as restricións da Covid-19 a influír no seu verán ou a cambiar os seus plans dalgunha maneira?

O que cambiou é o feito de non poder facer moitos plans, e que calquera cousa estea sempre no aire. 

Di que lle gusta ler durante as vacacións, podería recomendar unha lectura ou tamén algún grupo de música para descubrir este verán?

Paréceme que o verán pode ser o tempo para volver a libros e películas que nos gustan. Por exemplo, para ver outra vez Viaggio in Italia, ou para ler de novo O sol do verán, de Carlos Casares. Recomendo tamén o disco de Caamaño&Ameixeiras, Aire, que é fabuloso.

Comentarios