luns 28/09/20
É profesora de cámara, de orquestra e de violonchelo

Vera Kolar: "O noso é un alumnado que quere asistir a un conservatorio"

Ademais de dedicarse profesionalmente á música, Vera Kolar é profesora de cámara, orquestra e violonchelo e forma parte da cooperativa que, en 2005, decidiu facerse cargo do Conservatorio Histórico de Compostela. Conversamos con ela arredor do inicio do curso, das medidas fronte á Covid-19, da posibilidade de ofrecer formación en liña e dos 15 anos de funcionamento da entidade, na súa nova era. 
Vera Kolar, directora do Conservatorio Histórico compostelán.
Vera Kolar, directora do Conservatorio Histórico compostelán.

Cales son as chaves deste curso vencelladas aos protocolos da Covid-19?
O corpo docente fixo un curso sobre a Covid-19 para coñecer máis profundamente como actuar sobre esta cuestión sanitaria. Ademais, por suposto, fixemos unha limpeza xeral e de desinfección do edificio, dispuxemos xel hidroalcólico naentrada de cada aula e nos corredores, alcol e trapos para realizar unha boa limpeza de pianos, atrís, cadeiras... Cos instrumentos de vento a cousa xa é algo máis complexa, porque temos que ter pantallas para o uso do profesorado, para asegurar o distanciamento co alumnado nas clases individuais... Dotámonos tamén de termómetros dixitais para controlar, se algunha crianza chega ao centro a tusir ou con algún síntoma, poder medirlle a temperatura. Neste sentido, tamén temos habilitada unha aula, de producirse un caso sospeitoso de Covid-19, mentres non acode persoal sanitario nin proxenitores, para trasladar o alumno ou a alumna a un hospital. Ademais, agora a capacidade final das aulas tamén é menor, sen superar un total de dez persoas, para poder manter as distancias de seguridade.

Cal é o plan se, a pesar de todas as precaucións, se produce un contaxio?
No caso de que teñamos que estar en corentena, tamén estamos preparados para dar clases en liña, claro. No curso anterior xa tiñamos aulas virtuais, desde o mes de febreiro, e seguimos até xuño. En xeral, foi unha experiencia positiva, sobre todo co alumnado maior, cando xa está a ter clases individuais co instrumento, que fai que a docencia telemática sexa máis fluída. Os mozos e as mozas tamén se implicaron máis nos propios estudos. Onde máis se complicou a cousa foi coas crianzas máis pequenas, precisamente. Pero tamén tivemos o apoio de pais e nais, maioritariamente, desde o primeiro momento.

E esa é a outra peculiaridade deste curso, as cotas de matriculación, non si?
Nun principio, en previsión de que non puideramos dar aulas presenciais, tamén contamos con que as crianzas máis pequenas non podían ter clases por videoconferencia, porque se daban situacións máis complexas, como mencionei, así que decidimos que até os seis anos se pagaría a matrícula en prazos e sen xuros, á espera de se tiñan que deixar de ser presenciais as aulas ou non. Ao ver que todo se seguía a complicar cada día, optamos por universalizar esta vantaxe para todo o alumnado, independentemente de idades e prazos de pagamento. Tamén barallamos que algunhas materias, coma informática ou historia da arte, as poidamos dar en liña, porque nese caso impartilas é máis sinxelo, e así conseguimos ter menos movemento de alumnas e alumnos no centro.

Con todo, cre que mudarán as dinámicas de aprendizaxe ou educativas?
O principal para este curso é que contamos cos apoios de pais e nais, e nese sentido temos que ser moi positivas e temos esperanza de que isto vai ir moi ben. Non poderemos facer todos os concertos que normalmente faciamos, porque temos que adaptarnos á situación sanitaria, pero penso que traballaremos ben e de maneira cómoda. O ensino en si, a aprendizaxe, non creo que vaia verse alterada de maneira significativa por como che conto que nos estamos a organizar e, tamén, porque o noso é un alumnado que quere asistir a un conservatorio, non teñen unha obriga, así que todos poñemos moito da nosa man. Ademais, cumprimos os 15 anos de constitución da cooperativa e temos pensado facer un concerto, aínda que de momento non é viábel facelo, si esperamos que poida selo na primavera, por exemplo. 

comentarios