CRÍTICA DE CINEMA

'Vento de liberdade', por A. Castro

No verán do 79, dúas familias, desesperadas pola situación en Alemaña do Leste, planean unha fuxida en globo á Alemaña do Oeste.

1567622519_815764_1567693614_noticia_normal

Michael Bully Herbig (Vicky o Viquingo) pásase ao drama após facerse un renome no xénero de comedia no seu país natal. En Vento de liberdade adapta a verdadeira historia de dúas familias alemás que, dez anos antes da caída do Muro de Berlín, conseguiron cruzar en globo aerostático desde Pößneck (Alemaña do Leste) até Naila (Alemaña do Oeste). Unha historia que xa fora levada á gran pantalla pola produtora Walt Disney no filme Fuga de noite, dirixido por Debert Mann en 1981 (tres anos despois dos feitos) e protagonizado por John Hurt (Alien, O home elefante), Jane Alexander (Kramer contra Kramer, As normas da casa da sidra) e Beau Bridges (Os fabulosos Baker Boys, Galveston).

Herbig decide tirar de sentimentalismo e solemnidade auto imposta, pero non lle sae o conto como el pensaba. A peli comeza poñéndonos en antecedentes: “entre 1976 e 1988 milleiros de persoas tentaron escapar da República Democrática Alemá”. A partires de aquí dedica gran parte do prólogo para amosar o malvado que era o réxime comunista. Case unha seita... Demasiados clixés e posturas interesadas. Debemos poñer bastante da nosa parte para crernos a ansia viva que teñen as dúas familias protagonistas, os Strelzyk e os Wetzel, por fuxir do país. Entremedias hai incluso un romance (totalmente prescindíbel) entre o fillo adolescente da familia Strelzyk e a filla adolescente da familia veciña, que resulta ter un pai axente da Stasi.

Todo moi forzado, actores e actrices sen arestas, sensación nula de perigo (a pesar de que poñen musiquiña ad hoc), cero suspense e moi predicíbel. Concretamente ten a “mala sorte” de queimar demasiado pronto a trampa do final ao facer un par de xiros semellantes en dúas partes significativas da fita. Mágoa, pois a historia tiña moi bos vimbios para ser algo, cando menos, digno.

Sálvanse da queima a excelente ambientación da época (realmente boa) e a presenza de Thomas Kretschmann (O pianista, Valkiria) na pel dun axente de fronteiras teimudo e moi sistemático. Un formidable antagonista “roubaplanos” que ben merecería ter o seu propio spin off.

Vento de liberdade remata créndose grandiosa, e fixo que foi unha gran fazaña: a loita contra os elementos de dúas familias perseverantes que non coñecían a palabra “desistir”. Xusto o contrario que me pasou a min: a medida que avanzaba o filme o único que me apetecía era abandonar a sala...

Ballon

(Alemaña 2018, 125 min.)

Dirección: Michael Bully Herbig

Guión: Kit Hopkinse e Thilo Röscheisen

Fotografía: Torsten Breuer

Música: Ralf Wengenmayr

Elenco: Friedrich Mücke, Karoline Schuch, Alicia von Rittberg, David Kross, Thomas Kretschmann, Jonas Holdenrieder, Christian Näthe, Kai Ivo Baulitz

Comentarios