Volven á escena con 'Dúas pedras no Camiño'

Mofa e Befa: "O noso retorno deriva da necesidade do dúo, pero tamén lle vén moi ben ás persoas fans"

Vítor Mosqueira e Evaristo Calvo integran Mofa e Befa, aínda que non nesa orde nin sós, xa que xunto a eles, na creación, na música e, algunhas veces, na escena están tamén Piti Sanz e Quico Cadaval. Xuntáronse en 1992 e deixáronse, temporalmente, en 2018 e, agora con 28 anos de andanzas ás costas, retornan cun novo espectáculo antolóxico, Dúas pedras no Camiño, que estrean os días 2 e 3 de outubro, ás 21 horas, e o día 4 ás 20.30 horas, na Sala Ártika de Vigo, dentro do seu ciclo Comediártika.
mofaebefa
photo_camera Mofa e Befa. / Nós Diario

Como se produce a volta de Mofa&Befa á escena?
Hai dous anos por diferentes circunstancias tivemos que deixar os escenarios por un tempo e, agora que podemos, volvemos reincorporarnos a Excéntricas e a Mofa&Befa. A volta é unha cuestión derivada da necesidade do dúo, que tamén lle viña moi ben ás persoas fans, ás antigas seareiras e á xente nova, que pensamos que tamén pode gustar do humor. Hai unha proposta de Quico Cadaval, durante o confinamento, para participar deste circuíto vencellado ao Camiño xacobeo, por iso lle chamamos Dúas pedras no Camiño. E nel decidimos reagrupar números antolóxicos, números que xa se viron, algúns máis que outros, algúns que unicamente se fixeron unha vez na Sala Nasa...

E que nos poden contar deste espectáculo antolóxico?
Basicamente, o antolóxico consiste en xuntar algúns números, ou máis ben, números novos de Mofa&Befa, algunhas cousas ex profeso para este espectáculo, recuperamos números vellos, que teñen máis de 25 anos de antigüidade... E nisto vai consistir a antoloxía, unha xuntanza de cinco números, cinco sketches, e un fío condutor que é un acto institucional no que inauguramos unha Casa da Lingua e, mesmo expoñemos un cambio de normativa para o idioma galego. E ren máis, he dito.

Poden dar algunha pista sobre algún dos números?
Hai unha coral, que son ‘Os 33 reiseñores da Porqueira’, hai un asesor lingüístico para o departamento de Política Lingüística, hai unha nova normativa do galego, hai unha homenaxe a unha estrela, inxustamente esquecida, a que lle chamamos nós Frank Braña, e que está desprotexido polos políticos ao uso, desde logo. Tamén facemos un exercicio vocal gastronómico, cociña cacofónica, unhas receitas baseadas en textos de Afonso Cáccamo que levamos facendo moito tempo. Tamén hai dous políticos dun partido de dereitas, hexemónico no Parlamento desde hai moitos anos, pero non queremos dar máis pistas. Chámanse Pepe e Pepe, é dicir, Xosé e Xosé, pero nós chamámoslles Pepe. E tamén hai unha entrevista a un actor da Galiza, que se chama Vítor Mosqueira, aínda que non é coñecido polo nome pero pola cara o mesmo si que o coñecen, e seguramente por algunha outra parte da súa anatomía.

Que nos poden contar sobre proxectos de futuro?
Hai o costume, no mundo da escena en xeral, de non adiantar proxectos porque se poden cagar pero non cremos que pase con este, porque se trata de algo case en firme que temos coa plataforma Netflix. Temos outro proxecto con HBO, pero non tan firme, así que mellor ese ímolo deixar de lado. O de Netflix vai ser unha serie que se titulará Pan relado e que vai sobre a venda, ao por menor, ou miudeo, do haxis na Galiza. Se se fixo fariña por que non tratar agora estoutro tema. E, ademais, pensamos que este é un cuestión que arrasa, a das drogas, e cremos da mesma maneira que é moi bo para a xente nova. Trátase dunha superprodución en toda regra. Ademais contamos algo moi novidoso porque ao desmontaren o zoolóxico de Barcelona déronnos a posibilidade de traballar con algún dos animais. E aí van estar, e tamén participarán moitos actores, moi bos. Por exemplo, non sabemos seguro aínda se actuará Mourelos, pero estará Touriñán, e nós os dous, por suposto. E fóra do audiovisual tamén temos un proxecto. Neste caso trátase de facer animación en casinos, concretamente en Estoril. Pero estamos aí en negociación porque eles queren facelo en inglés e nós queremos falar en portugués.

Comentarios