O festival Revenidas comeza a súa fin de semana máis ambiciosa en Vilaxóan

As Revenidas proxectan unha fin semana chea de música e de festa popular na edición con maior dimensión desde o seu comezo. 
Sinner na súa actuación do pasado día 7. (Foto: Revenidas)
photo_camera Sinner na súa actuación do pasado día 7. (Foto: Revenidas)

O festival Revenidas comeza hoxe a fin de semana máis ambiciosa da súa historia. Con todos os abonos vendidos e despois de que as xornadas do 7 e o 8 quecesen o ambiente coa festa organizada por Boyanka Kostova e Amigxs (Pili Pampín, Grande Amore, Dios Ke Te Crew, Mundo Prestigio) e Sinner na cuarta feira, e as actuacións de La Pegatina, Boikot, Gatibu, Suu, Copa Turbo, Ketekalles, Lamontagne & Picoamperio e La Duendeneta na quinta, o festival entra nunha recta final que convoca máis de trinta artistas. 

Hoxe será a quenda de Sondarúa, Lendakaris Muertos, Bratzantifa, SFDK, Grande Amore, Talco, La Duendeneta e M.D.B.
Mañá, sábado, o día grande subirá a temperatura coas actuacións de Os Plectro, Dakidarría, Monoulious Dop, Duendeneta, A Banda da Loba, Tanxugueiras, Ladilla Rusa, Zoo, Doen, Dubioza Kolektiv, The Rapants e Baiuca

Unha das novidades da edición deste ano é que a tradicional sardiñada popular, que habitualmente se celebraba o sábado e que foi a que deu orixe ao festival, pasa a ter lugar o domingo, por petición expresa das xentes do mar, para poder asistiren. Arredor das sardiñas estarán, nos escenarios, Louband, Os Terribles, Caamaño & Ameixeiras, Sés e, pechando a festa, Ortiga. 

Gala de circo e concertos a bordo 

Ese mesmo día, ás 16 horas, decorrerá a Gala de Circo Solidaria que nesta ocasión servirá para celebrar os vinte anos sobre as táboas de Peter Punk. O popular artista contará para esta ocasión especial coa presenza de convidados como Kaldi, Pajarito, Cou, Dakidarría, Leo Arremecághona, Malala e Iván e Brais das Hortas. Tamén o domingo, ás 12.30 horas, a compañía Paraíso porá en escena Os diarios de Eva e Adán (Boleros no paraíso), interpretada por Inés Salvado e Sergio Piñeiro e con música en directo de Xosé Lois Romero e Xoán Porto. 

Unha das actividades máis singulares e das máis valoradas polo público que a elas acoden son os 'concertos a bordo'. Nesta edición serán seis os que se celebren. Como sempre a bordo do xeiteiro Chasula e cunha capacidade máxima de 12 persoas.
Os concertos a bordo deste ano decorrerán sábado 10 e o domingo 11, tres cada día. O sábado terán como protagonistas Antía Muíño (saída desde o peirao ás 13 horas), Xabier Díaz (15 horas) e Grande Amore (17 horas). O domingo serán de Guadi Galego (13 horas), Boyanka Kostova (15 horas) e Cardalda e Dopico (17 horas). 

Comentarios