Véndese pazo, prezo a convir

Os carteis de “véndese” que cada vez penduran máis de andares e establecementos comerciais chegaron tamén aos pazos. Na rede pódense atopar arredor dun cento, algúns declarados BIC, que buscan no capital exterior os seus futuros propietarios. Varios deles anuncian xa rebaixas. 

.
photo_camera .

A rede ofrécese como a mellor opción para vender un pazo. Se os ingleses se están a facer con boa parte das grandes propiedades da Ribeira Sacra, tamén no mercado externo buscan as inmobiliarias virtuais atopar persoas con capacidade para gozar dunha das arredor de cen casas históricas galegas que se ofertan na rede, algunhas delas declaradas BIC, do que gozan de moi poucos pazos que, entre outras cousas, teñen obriga de abrir ao público as súas portas. 

Desta condición de mediadora entre as propiedades e o capital exterior se gaba especialmente aldeasabandonadas.com, un portal que recolle á maneira publicitaria unha chea de materiais de prensa no que se fai fincapé nese novo capital que se está a facer coas casas históricas. En venda teñen neste momento arredor de 80 propiedades que recollen no apartado de “pazos e casas señoriais”. 

Das oitenta edificacións, non todas responden á condición de pazo, máis boa parte delas contemplan os elementos que definen á histórica propiedade. A maior parte teñen capela, son construción de grande amplitude, inmensas extensións de terreo e escudos familiares. O de maior valor de venda é un situado no concello de Vimianzo e datado no século XVII. Nada máis e nada menos que 1.500 metros cadrados habitábeis e 10.000 de terreo, con capela, cruceiro tres hórreos e manancial propio que se venden por 3.998.000 euros. 

De aí para abaixo, verdadeiras alfaias arquitectónicas situadas maiormente no ámbito rural con séculos de historia que cambiarán de mans se hai quen alcance pagar o prezo estipulado. O Pazo de Vilaxe na costa da morte por 2.500.000 euros, un na Ribeira Sacra a poucos quilómeros de Monforte por 900.000, o Pazo de Cospeito por 750.000 ou o de Nogueira de Ramuín fundado pola linaxe dos Ulloa Somozas por 800.000 entran na oferta inmobiliaria da rede. 

Ser nada teñen a ver coas casas adosadas. Os metros cadrados habitábeis mídense por centos, desde os 1.500 do de Vimianzo, aos 400 que ven sendo a mínima superficie dos ofertados. 

"Dos case catro mil euros de Vimianzo aos 180.000 dun na Laracha con licencia e proxecto"

Os prezos varían tamén segundo as dimensións, calidade arquitectónica, situación e nivel de conservación mais á venda está tamén un pazo do século XVI na Laracha por 180.000 euros, con licencia e proxecto incluídos. 

Rebaixas e á vontade

Alén do prezo estipulado pola axencia e vendedores, tamén hai pazos de rebaixas. Algúns deles deixaron pendurar na súa ficha a lenda, “pasar oferta” ou “prezo a convir” co fin de atraer novos clientes e experimentar na arte do negocio. Outros fan constar a rebaixa da cifra de saída como acontece no portal luxoinmobiliario que conta con 60 propiedades en venda. O Pazo dos Quiroga no Incio pasou de querer ser vendido por 1.300.000 a rebaixarse a 1.050.000 que é a cantidade que neste momento se pide por esta propiedade que se gaba de ter árbores traídas de Filipinas e catalogadas pola Xunta. En Sandiás, ofertas un pazo do século XVI cun prezo “moi interesante”. 

​"Véndese igrexa por 309.000 euros"

Protección patrimonial teñen varios e en distintas condicións. “Solar que de antigo xa perde a razón” reza o escudo do Pazo de Mondoñedo dos Baamonde que se vende por 900.000 euros, mais a lenda pode ser aplicada a moitas das propiedades en venda, maiormente datadas no XVI, XVII e XVIII. Ben de Interese Cultural é o soberbio Pazo Pousadouro de Redondela, restaurado nos anos cincuenta por Gómez Román ou o Pazo Fortaleza de Camariñas construído sobre un castelo medieval. 

De igrexas a mosteiros

Se singulares son as casas históricas á venda na rede, extraordinario é atoparse con edificios relixiosos como a igrexa do concello de Crecente que está á venda por 309.000 euros ou o mosteiro de monxas de Cotobade, que se pode mercar por 600.000. Quen guste de edificios con históriao espiritual pode preguntar tamén polo pazo convento de Pantón, con 37.000 metros de finca e 800 de vivenda. O prezo non está disponíbel. 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios