A Xunta non garante a apertura ao público

Véndese castelo en Cee, declarado BIC, por 6 millóns

O Castelo do Príncipe, na parroquia de Ameixenda, en Cee, está en venda. O seu actual propietario, un magnate de La Rioja, véndeo por 6 millóns de euros. Malia ser declarado Ben de Interese Cultural (BIC), permanece fechado ao público e a Xunta de Galiza non garante as visitas mínimas ao mes que marca a lei. A Plataforma en Defensa do Castelo do Príncipe e mais o BNG reclaman a apertura do inmoble, cuxa construción encetou en 1740, e que se garanta a súa conservación.

xKneQjGumtLgCvF-800x450-noPad
photo_camera [Imaxes: Cedidas / El Idealista]

71553527Antiga fortaleza. O Castelo de Cee/Corcubión empezouse a construír en 1740 e chámase do Príncipe na honra do que sería Carlos IV. O castelo, construído sobre unha península de 33 mil metros cadrados e sobre cantís de 3,5 de alto foi gardián da ría de Corcubión durante decenios”. Así comeza o anuncio deste castelo en venda, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), nun coñecido portal inmobilario. O seu actual propietario, un empresario de La Rioja, véndeo por 6 millóns de euros, máis do duplo do que lle custou, segundo informa a Sermos Galiza Pablo Álvarez Castelo, impulsor da Plataforma en Defensa do Castelo do Príncipe.

O colectivo, que naceu hai un ano para pedir a protección deste BIC, vén de presentar xunto ao BNG diante da Valedora un documento co fin de que a Xunta de Galiza interveña no castelo para a súa apertura ao público catro veces ao mes, como marca a lei. Pablo Álvarez lembra, en conversa con este medio, que a Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galiza, á que se subordinan os Bens de Interese Cultural, recolle no artigo 48 que “a consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderalles requirir ás persoas propietarias, posuídoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais o cumprimento da obriga de acceso”.

Segundo o portavoz da plataforma, o anterior propietario, o empresario de Cee Xosé Ramón Oreiro, permitía o acceso previa petición, “podíanse sacar fotografías de vodas ou ir cortar as hortensias para as alfombras florais do apóstolo”, sinala. Oreiro fixérase coa fortaleza en 1985.

DOMINGUEZ-E-ALVAREZ-VALEDORA-POBO1-e1510323370588Víctor Castiñeira, historiador e técnico de Cultura do Concello de Cee, afirma que o primeiro propietario do inmoble fora o fisterrán Plácido Castro Rivas, que en 1928 doou o castelo do Príncipe á Asociación de Periodistas de Madrid, coa idea de empregalo para acoller crianzas orfas de xornalistas. Máis tarde a asociación venderíao e pasaría por varias mans e outras tantas reformas.

O actual propietario é, desde 2006, Luis Ángel Ilazarra Fernández, empresario de La Rioja que aproveitou a burbulla inmobiliaria para se converter nun dos maiores propietarios de solo do Estado español. Antes de que o rioxano se fixese coa fortaleza, o castelo anunciárase no Financial Times por 2,7 millóns de euros nunha poxa que ficara deserta. En 2001 saíra á venda por 3,6 millóns.

Pablo Álvarez, que considera que a apertura ao público da fortaleza tería un impacto positivo no turismo e axudaría a revitalizar economicamente a comarca, advirte do estado de abandono que presenta a día de hoxe a finca, ateigada de hedras, maleza, niños de paxaros e de avespas. Precisamente, no portal inmobiliario destácanse os xardíns da propiedade, “con moitas árbores, magnolios, cedros, rododendros, azaleas, hortensias, roseiras, froiteiras, limoeiros, laranxeiros ...”. Aliás, a web informa de que o castelo conta con acceso a dúas praias, un pequeno peirao, casa de servizos, piscina sobre o mar, sauna, biblioteca, sala de xogos, ximnasio e adega.

Na mesma liña, o portavoz municipal do Bloque en Cee, Serxio Domínguez, pon de manifesto que a apertura do castelo sería “moi beneficiosa para o turismo, porque suporía un atractivo máis tanto para o concello como para o conxunto da 71553520Costa da Morte” e, neste sentido, lembra que ao outro lado da ría está o castelo do Cardeal, “tamén con categoría de BIC e que sería un atractivo turístico a sumar”. Xunto ao factor dinamizador para o turismo e a súa beneficiosa repercusión na economía local, o portavoz municipal do Bloque apela ao dereito da veciñanza de Cee "a ter acceso, coñecer e visitar este patrimonio cultural e histórico cando queira”. De aí que insista en reclamarlle á Xunta "que faga cumprir a normativa que estabelece un réxime de visitas ao público de catro días ao mes".

Segundo Patrimonio Galego, dispuxéronse as troneiras do castelo de maneira que cruzaban fogos cos do Cardeal, situado na beira oposta. “Respondía á tipoloxía de batería circular con hornabeque, e montaba 12 pezas de artillaría noutras tantas troneiras dirixidas cara ao mar”, sinálase.

Comentarios