Un velorio pola cultura en protesta pola situación do Marco

A Colectiva, Asociación Profesional de Artistas de Galicia convoca un Velorio pola cultura que terá lugar hoxe sexta feira, 31 de marzo, ás 20:00h, fronte a entrada principal do Museo MARCO de Vigo.
 

marcovigo
photo_camera Fachada do MARCO

O velorio consistirá nunha reunión silenciosa sen consignas, pancartas ou outro tipo de símbolos partidarios ou ideolóxicos, sendo unha convocatoria aberta a individuos, colectivos ou asociacións da arte galega, así como a calquera outra persoa preocupada polas derivas das políticas culturais no noso país.
 
Esta performance colectiva empregará o silencio para que sexa oída unha voz común, que toma posición fronte a actual situación do MARCO logo do comunicado de non renovación do seu director, Iñaki Martínez, e sen o horizonte dun concurso público para o seu relevo ou plans de futuro definidos para o Museo por parte do Concello de Vigo.
 
Alén deste caso, e perante situación de inestabilidade doutras institucións culturais do país, a asociación convocante, A Colectiva, quere facer tamén reivindicacións máis amplas, como a normalización das boas prácticas nas institucións, de xeito independente das filiacións políticas dos xestores das mesmas ou das administracións das que dependan; ou unha aposta pola cohesión do sector da arte Contemporánea en Galiza, procurando o diálogo e mediación entre os diversos axentes en intereses implicados.

Comentarios