A veciñanza de Sarria parabenízase por manter en pé o seu patrimonio

Se a Ponte de Ferro se mantén en pé é grazas a veciñanza de Sarria. Así o recoñece a Plataforma sarriana polo río que parabeniza o movemento veciñal de salvar o seu patrimonio e anuncia unha xuntanza co novo goberno municipal. 

sarria
photo_camera sarria

A concentración de marzo, os milleiros de viciños que se botaron a rúa durante máis de ano e medio e as 562 alegacións presentadas ao modificado do proxecto de encanamento son algunhas das razóns que explican que a vella Ponte de Ferro continúe en pé. A Plataforma sarriana polo Río parabenízase por manter o seu patrimonio, tamén a Ponte Ribeira de orixe medieval que, segundo sinalan, “está ferida pero non de morte”. 

Acusan ao Concello e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de desatender o patrimonio do concello, ameazado polas obras que contaron coa oposición da veciñanza. Que a illa do Toleiro “emblema da loita veciñal, o ameneiral atlántico do río Sarria e a presa se manteñan a tal altura é tamén resultado das mobilizacións que botaron á rúa boa parte da veciñanza do concello. “E non só seguen aí, senón que os sarriaos, coa ocupación da illa e a loita na rúa, fomos quen de facerlles ver aos políticos o valor que ten, a súa beleza e as súas posibilidades”, afirman desde a Plataforma. Parabenizan tamén ás 7.800 persoas que asinaron para salvar as pontes e o ecosistema do ameneiral das ameazas polas obras do encanamento do río. 

O colectivo ten xa axendada unha xuntanza co goberno do Concello de Sarria -PSOE, CxG e BNG- nun novo tempo que considera “o momento dos veciños que teñen unha oportunidade de falar e de ser escoitados”. 

Comentarios