A veciñanza que defendeu a Carballeira de San Xusto homenaxea ao Carrabouxo 25 anos despois

Un crego fuxindo cun carballo ao lombo. Ese foi o símbolo da loita da veciñanza de San Xurxo de Sacos que hai vintecinco anos defenderon a propiedade da súa carballeira. Daquela, foi Xosé Lois González, “O Carrabouxo” o que debuxou a súa loita e agora é a veciñanza a que lle rende homenaxe. 

 

sanxusto
photo_camera sanxusto

A veciñanza contra a Igrexa pola propiedade da carballeira. Esa era a loita que hai vintecinco anos se desenvolvía en San Xurxo de Sacos na defensa da carballeira de San Xusto e foi Xosé Lois González quen a converteu nunha imaxe que se converteu en símbolo da protesta. O crego de preto fuxindo co carballo ao lombo foi o símbolo da loita que finalmente gañou nos tribunais unha veciñanza que, vintecinco anos despois quere recoñecer o compromiso do humorista gráfico. 

A homenaxe desenvolverase o vindeiro 27 de xuño coa apertura ás 12.30 horas dunha mostra conmemorativa deseñada por Pepe Arceu sobre a loita veciñal para, unha hora despois ter lugar o acto de homenaxe ao Carrabouxo que rematará coa ofrenda floral na lembranza de veciños e veciñas que participaran nas protestas mais que xa faleceron. 

Despois do almorzo, por volta das 18:00 proxectarase o documental “Seis anos de loita na busca do ben común” antes de que as actuacións do Colectivo Xestal, Dous ceghos e médio, Ghalos do curral, Os Trazantes, Rampoña neghra e Óscar Ibáñez poñan fin á xornada festiva. 

Comentarios