ABRAHAM CARREIRO, DIRECTOR DE 'O PAPAGAIO'

"Ás veces parécenos que os nenos son máis parvos do que son, pero gústalles aprender cousas"

Abraham Carreiro botou a andar o ano pasado un xornal para os máis pequenos da casa, 'O Papagaio', un mensual que lles conta o mundo e o país mirándoos de fronte. 

abrahamcarreiro
photo_camera Abraham Carreiro

- 'O Papagaio' leva oito números publicados e defínese como o "xornal da xente miúda". A que idades está dirixido?
- Está pensado para rapaces entre 7 e 13-14 anos. Saíu en outubro do ano pasado, e agora no verán pararemos en agosto e setembro e regresamos de novo en outubro. 

- Facedes informacións de cuestións de actualidade e de interese para esas idades. Como vos plantexades os temas?
- Nós queremos facer como se fose un xornal para xente maior, pero enfocado aos máis pequenos. Nós contámolo dunha forma adaptada a eles. Falamos dos refuxiados, por exemplo, ou dos problemas dos combustibles fósiles, pero sempre enfocado dun xeito máis lúdico, para entendelo divertíndose. Outro dos obxectivos do xornal é dar a coñecer o que se fai en Galiza a nivel científico, cultural, ecolóxico, etc. A información está practicamente centrada no que se fai aquí.
PORTADA PAPAGAIO8

- Como pode mercarse o xornal?
- Polo momento, só por subscrición. Estamos estudando a posibilidade de outras opcións, pero por agora só é posible vía subscrición anual. 

- Dirixídesvos a un dos públicos máis difíciles e esixentes, ademais do máis desgaleguizado. Cal é o segredo para gustarlle aos nenos?
- É difícil sabelo, pero creo que é contarlles as cousas dun xeito divertido e á vez dándolle información, porque ás veces parécenos que son máis parvos do que son, pero gústalles aprender cousas. Tamén é importante que eles poidan poñer en práctica cousas, que é unha das partes que queremos potenciar, que os nenos poidan practicar. Se falamos de como se produce unha tormento, pois por exemplo que eles a poidan poñer en práctica na casa, é dicir, que eles poidan sentir e comprobar as cousas por eles mesmos. 

- E cal é a resposta que tedes dos vosos leitores?
- A resposta é boa, tanto a que recibimos a través de correos como nos colexios que visitamos. E os nenos leno con interese. 

- Como xurdiu o proxecto?
- Pois foi algo máis dun ano, porque a min sempre me gustou o xornalismo e o cómic xornalístico. E pensei na posibilidade de facer un xornal que fose gráfico sobre todo. Pensei que podería estar ben enfocalo aos nenos e contarlle información pero de maneira gráfica, sen fotos, só con debuxos.

- Ten algún tipo de axuda pública?
- Non, non temos subvencións nin admitimos publicidade, así que vivimos só dos subscritores. 

Non temos subvencións nin admitimos publicidade, así que vivimos só dos subscritores

- Ademais tedes unha editorial, Edicións Moito Conto, na que publicades obra túa e tamén do teu pai. Herdaches a súa paixón polo debuxo e a ilustración?
-  Si, supoño que de pequeno, de estalo vendo a el, sempre che queda algo. Sobre a editorial, até agora é moi pequeniña, pero a idea é potenciala e abrila para que poida publicar máis xente, empezar unha colección, etc. Esa é a idea,  potenciar a editorial, aínda que polo momento hai pouca cousa. 

- Ti tamén fas caricaturas, viñetas... cal das ramas do debuxo e da ilustración che interesa máis?
- A que máis, o cómic e o deseño de portadas de discos e de cartaces. 

Co cómic penetras na historia moito máis

- En que outros proxectos andas agora?
- Agora mesmo ando con un cómic sobre o franquismo en Galiza, un cómic xornalístico no que vou entrevistando a varias persoas que relatan as súas vivencias da época. Logo estou cun libro dirixido a lectores de 11 a 12 anos. E logo estou traballando para potenciar o xornal, dándolle voltas a ideas novas. 

- O do cómic xornalístico é un formato pouco explorado en Galiza, non?
- Eu sempre seguín moito Joe Sacco, que sempre foi un dos meus autores favoritos. Sería dese estilo, é algo moi cercano. Co cómic penetras na historia moito máis. Neste cómic serían cinco ou seis protagonistas e contarían as súas historias. Un deles morreu o ano pasado. Outro viviu torturas no franquismo, outro estivo en San Simón, unha muller que viviu a fame da época...

Comentarios