A banda presenta o seu novo disco, 'Vol. 2'

Vatapá Quinteto refina a súa fórmula para mesturar swing, blues e bossa nova

Vatapá Quinteto teima en ampliar o territorio do jazz e a improvisación. Interésalles o swing, o blues e a bossa nova, mais sobre todo séntense seducidos polo encontro co público, por un directo que evoca o ambiente de café-concerto ou, quizais, dunha daquelas míticas tabernas portuarias da cidade de Vigo.
Desde a esquerda, Antón Casal, Bea Míguez, Javier Buján, Oscar Rodríguez e Rolandas Butkevicius,
photo_camera Desde a esquerda, Antón Casal, Bea Míguez, Javier Buján, Oscar Rodríguez e Rolandas Butkevicius. (Foto: Cedida)

A vatapá é un prato típico da cociña nordestina do Brasil. Para elaboralo -se lembran a receita de Dorival Caymmi na voz de Gal Costa- é importante “non parar de mexer”. Vatapá Quinteto leva cinco anos mexendo nas distintas influencias musicais de cada un dos seus membros para ofrecer un combinado no que se mesturan con exactitude de alta cociña sabores norteños e tropicais. Agora presentan Vol. 2, o seu segundo traballo discográfico. 

Vatapá nace como un grupo de amigos que se xuntan para facer música, aínda que todos eles teñen unha orixe diferente. A iniciativa partiu de Antón Casal, o guitarrista, e de Bea Míguez, a cantante, que se coñecían desde os tempos en que ambos pertencían a compañía teatral Máscara. Os dous comezaron a tocar dunha maneira moi informal en festas de amigos, mais axiña as alarmas se acenderon: aquilo tiña calidade e posibilidades. A partir de aí comezaron a tomalo en serio e facer concertos como dúo, e case inmediatamente chamaron a Javier Buján, que fora batería en bandas como Os piores, Tombstones ou Radiador.

“Eu viña do rock e do pop”, explica Buján, “e ao cambiar de estilo, ocorréuseme probar cun caixón, en vez de coa batería de sempre, e aquilo deulle unha certa personalidade ao grupo. Para completar a banda, chamamos a Marta Sancho, unha profesora do conservatorio, para que fixese os ventos, e así naceu Vatapá Quarteto, no ano 2015”.

Máis tarde uniuse o cubano Oscar Rodríguez, tamén profesor do conservatorio de Vigo, que contaba  cunha enorme experiencia en formacións de todo tipo, desde a Orquestra da Ópera do Gran Teatro da Habana até a banda de Paquito D'Rivera. “Aí o grupo, xa convertido en quinteto, comezou a enriquecerse moito”, lembra Buján. “Oscar combina a cultura cubana e a formación clásica e iso dálle unha versatilidade moi axeitada para liderar os ensaios e para argallar arranxos orixinais que lle dan unha potencia tremenda ao noso son”.

Unha tímbrica particular

En 2017, Vatapá Quinteto grava o seu primeiro disco, Vol. 1, e comeza a profesionalizarse e a facerse un nome nas salas de concertos. Marta Sancho, non obstante, deixa o grupo para centrarse na súa carreira na música clásica e é entón cando entra o lituano Rolandas Butkevicius, afincado en Vigo desde había anos e que introduce o elemento da improvisación na banda. Buján declara que “con Marta faciamos versións que logo, nos directos, tocabamos sen apenas cambios. Con Rolandas comezamos a improvisar moito, algo consubstancial ao tipo de música que facemos, que a fin de contas ten unha raizame jazzística inapelábel. Rolandas, ademais, tocaba varios tipos de saxos e o clarinete, o que nos permitiu enriquecer a tímbrica do grupo”.

Esa tímbrica particular ten un responsable: “Hai un sexto membro da banda na sombra”, explica Buján. “Paco Guimarey, o técnico de son, acompáñanos desde o principio, e para nós é como un membro máis da banda: participa en todas as decisións e consegue que eses sinais de identidade que a xente recoñece nos concertos permanezan inalterábeis. Coñece moi ben os puntos fortes e febles de cada un de nós e dános moita seguridade traballar con el, permítenos ir medrando tamén no directo”.

En 2020, Vatapá entrou no estudo para gravar o seu segundo traballo, Vol. 2, cambiando un pouco o método: “O primeiro disco, agás algúns arranxos, estaba gravado como se se tratase dun directo. Gañabamos moito en frescura, mais á hora de facer as mesturas quedabamos moi limitados. Este segundo traballo está feito dun xeito máis ortodoxo, por pistas, polo que logramos un son máis compacto sen traizoar a esencia do grupo que é, basicamente, o directo”.

Desta vez tamén houbo cambios, como lembra o percusionista entre risas: “Temos unha especie de gafe: cada vez que gravamos un disco marcha o responsable dos ventos. Rolandas volveu á súa Lituania natal e volvemos quedar cun disco novo nas mans e sen saxofonista. Foi aí cando fichamos a Marcel Muñoz, moi diferente a Rolandas: se este era moi técnico, Marcel é máis intuitivo. Xa neste disco toca nun tema como músico invitado, dalgunha forma xa estaba integrado no grupo. Para nós é moi importante conectar humanamente antes que no musical, e con Marcel foi moi fácil, axiña se deu esa conexión”

Son portuario

Cando se fala da mestura entre jazz e bossa nova é inevitábel pensar en Stan Getz e João Gilberto, mais a fórmula de Vatapá é radicalmente diferente: as súas gravacións lembran máis a un ambiente de cabaré portuario –o que ten sentido sendo unha banda de Vigo–, de músicos bragados no confronto co público, posuidores dun enorme repertorio ao que son quen de outorgarlle unha personalidade propia e inconfundible.

“Se algo somos é un grupo de directo”, explica Buján, “e nas gravacións non queriamos perder ese son particular que transmitimos desde o escenario. A relación co público, ese romper a cuarta parede e estar moi preto del, é fundamental para nós. Ademais, non é habitual atopar unha banda que faga convivir a bossa nova, o swing e o blues, é unha fórmula difícil de atopar, e iso tamén lle outorga unha personalidade”.

Comentarios