Tal e como informou a propia Euskaltzaindia, na pasada sexta feira asinaron cos seus homólogos frisóns un convenio de colaboracion para impulsar o estudo das súas respectivas linguas, ademais de impulsar a creación dunha Rede de Academias de linguas minoritarias de Europa.
Esta rede tería como obxectivo lograr o recoñecemento das institucións da Unión Europea, coa fin de impulsar o coñecemento e o respecto á diversidade lingüística dentro da propia Unión. Segundo informan na web, ambas as dúas institucións traballarán conxuntamente para que outras academias se unan ao convenio, que tamén contempla facilitar o intercambio de información, libros e publicacións, así como o coñecemento de métodos e técnicas que cada institución aplica aos seus proxectos de investigación. Tamén se comprometen a cooperar en publicacións de interese común e a organización de seminarios, relatorios, xornadas e congresos que dean maior visibilidade ás linguas minorizadas.
A galega, á espera de novas
Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega, ao ser consultado por Sermos, afirmou non ter coñecemento do convenio, pero manifestou o seu interese na iniciativa e anunciou que desde a rúa Tabernas se poñerán en contacto coa Euskaltzaindia de forma inmediata para saberen máis do proxecto.