"Varrín a casa con ela": a violencia contra as mulleres no cancioneiro popular galego

Con motivo do 25N, 'Nós Diario' achégase ás manifestacións da violencia contra as mulleres presentes na música tradicional. Estas mensaxes agresivas son moitas veces naturalizadas, cántanse toleradas coa aura doutro tempo. Ante a necesidade de entendelas no seu contexto, xorde tamén a dúbida sobre a pertinencia de seguirmos interpretando hoxe esas mesmas mensaxes.
Performance 'Badaladas por mulleres' no Vello Cárcere de Lugo.
photo_camera Performance 'Badaladas por mulleres' no Vello Cárcere de Lugo.

Que a violencia contra as mulleres se atopa presente en múltiplas facetas da vida cotiá, aínda pendentes de revisión, é unha realidade difícil de negar. A música non é unha excepción.

Mais non estamos apuntando cara á presenza de mensaxes machistas en determinados xéneros, nin á discusión de se isto é realmente así. O que hoxe nos ocupa é o acervo da tradición que chega aos nosos días, considerando este terreo como proclive a unha aceptación máis doada de manifestacións da violencia que non aceptariamos noutras facetas da vida.

Branca Villlares, intérprete e mestra de música tradicional en diferentes entidades da cidade de Lugo e da área próxima (Tradescola, Escolas Municipais de Rábade, Begonte ou Outeiro, Escola Oxeito...) asumiu o reto de revisar o cancioneiro popular de maneira natural, ao sentírense ela e as súas alumnas incómodas coas situacións reflectidas por algunhas letras.

Capitaneaba así un "proceso colectivo" que vai xa polo seu cuarto ano, no que promove a discusión nas aulas de máis de 15 escolas daqueles aspectos que supoñan apoloxía da violencia contra as mulleres ou que dalgún modo contribúen a perpetuala e a normalizala.

Violencia, pan de cada día

Os cantos poden normalizar a violencia que se exerce contra as mulleres. "Non sabe fregar un plato / nin varrer cunha escobela / un día de cabreado / varrín a casa con ela", recolle, por exemplo, unha copla do Incio.

Malia o contexto burlón no que esta se interpreta, roldando a caricatura, o contido causaría incomodidade nos grupos de discusión desenvolvidos por Villares. Igualmente acontece con outras nas que a mención do asasinato é explícita, aínda que en chave humorística: "Tiruliro matou á muller / púxoa en cachos, levouna a vender".

Ninguén se sente responsábel da violencia por "cantar o que sempre se cantou"

Villares sinala tamén algunhas posíbeis reticencias a analizar a carga machista destas cantigas ao abeiro da tradición, pois ninguén se sente responsábel da violencia por "cantar o que sempre se cantou". Aliás, xorde con frecuencia a idea de "pecar de repunantes" por negarse a interpretar "as cantigas máis divertidas".

De cativas a vellas

Atopamos versos sobre o sometemento, abusos, acoso e agresións ás mulleres desde cativas. Na Fonsagrada, Florencio, o cego dos Vilares, cantaba: "O amo e maila criada / foron ver os cabritiños / tira á criada de espaldas / e o amo cae de fuciños. / I eu non queiro, eu non queiro".

Así as cousas, as cantigas aconsellan moitas veces prudencia –"María se vas á herba / cerra ben a porteleira / que teño un xato no prado / quere entrarche na trabeira"– culpando á propia vítima da violencia: "Si vas á botica / non vaias sola, / mira que o boticario/ gasta pistola".

Negarse a ter relaccións sexuais podía ser peor: "Esta noite hei dir aló / terás as pernas lavadas / heime de meter entre elas / anque sea a puñaladas"

E é que o acto sexual, mesmo consentido, implicaba o castigo e a censura social para a muller, a súa deshonra e maila da súa casa, mentres para o home se considera un logro. Aínda que negarse pode ser peor: "Esta noite hei dir aló / terás as pernas lavadas / heime de meter entre elas / anque sea a puñaladas".

"Son textos fóra de contexto", indica Villares

As casadas, pola súa banda, acusan o sometemento ao marido, que podía levar consigo actos sexuais non desexados, así como violencia física ou verbal: "O home para ser home / ha de ter un pau na porta / para petarlle á muller / se lle pon a cara torta".

Contra a "foto fixa"

"Son textos fóra de contexto", indica Villares, "mirámolos con criterios de hoxe, pero non chega con dicir que as coplas son machistas". Mais que facer entón? Cantar ou non cantar? A mestra propón a solución ollando precisamente cara ás prácticas da propia tradición.

Gostarías de seguir coa lectura? Vai á libraría máis próxima ou entra na nosa tenda online para mercar o Nós Diario de hoxe e terás o texto ao completo. Tamén podes elixir unha das modalidades de subscrición que che ofrecemos!

Comentarios