mércores 29.01.2020

"As variedades da lingua son a nosa riqueza"

A contorna da aldea  de Filloval (Os Ancares) conta cunha web, Leiras e Marcos, que dá voz á poesía do cotián. Con algo máis dun ano de andaina, aínda que prefire permanecer no anonimato (todo o que pode), detrás deste proxecto atópase Laura Pardeiro Álvarez, unha psicóloga de 25 anos que traballa en Lugo con persoas con discapacidade.
Laura Pardeiro Álvarez, autora de 'Leiras e Marcos'.
Laura Pardeiro Álvarez, autora de 'Leiras e Marcos'.

Que a levou a retratar a realidade en Leiras e Marcos?

O feito de querer marchar cando fun a Madrid a facer o mestrado. Estando alí decidín que me movería para outro lado, pois anticipaba que ao retorno aos Ancares non ía ter nada que facer. Aquel verán, cando volvín á casa, naceu Leiras e Marcos froito dunha brincadeira. Meu irmán chámase Marcos e eu quería facerlle un agasallo de aniversario. Á volta vía tantas cousas bonitas aquí que decidín reunilas nunha revista para que el, que é máis pequeno ca min, non sentise que tiña que emigrar. Quería pórlle en valor as cousas da zona e tituleina xogando co seu nome. Cando lla dei, foi el quen me dixo: "Tes que publicar isto". 

Ultimamente fálase moito do rural como un modo de vida en desaparición. Que opina?

É unha tranquilidade moi grande ver que hai xente que volve estar conectando outra vez co rural

Pór en valor os costumes, a tradición, o comercio, as formas de vida... e todo iso só o podes ver aquí. Eu aquel verán estivera traballando nun proxecto contra o despoboamento das zonas rurais de Lugo e fora a un congreso a Soria. Alí decateime de que se falaba moito de repoboar a España baleirada, este termo tan de moda. Hai persoas que volven habitar as aldeas, pero non só no noso país, senón en moitos lugares de Europa. Estase a falar de moitos proxectos que só se poden montar no medio rural. É unha tranquilidade moi grande ver que hai xente que volve estar conectando outra vez con este modo de vida.

Por que decidiu usar unha lingua tan apegada á fala?

A decisión responde a varias cousas. Para min ten un gran sentido: que a xente de aquí se recoñeza nos escritos. Eu sei que a mellor forma de chegar ás persoas, ou unha das mellores, é a través da linguaxe. Se eu falo coma ti, é máis doado que entendas o que eu penso. Por outro lado, vexo a lingua como riqueza e parte da riqueza da Galiza son todas as variedades dialectais que temos. Negábame a que o noso se perdese, xa bastante está cambiando en xeracións sucesivas. Fudamentalmente esas son as miñas dúas razóns.

O principal feedback é como se me ocorre publicar esas cousas

Percibe feedback por parte da xente da súa contorna?

Moito. O principal feedback é como se me ocorre publicar esas cousas. Falar do panadeiro ou dunha nena que vai recoller o gando coa avoa. É moi estraño que che digan iso, porque é como se desvalorizasen a súa forma de vida. En realidade, eu que estiven a piques de marchar véxolle a riqueza a todo o que hai aquí, por iso me resulta moi divertido que mo digan. Ao estar na rede, o bo é que o ve xente de aquí emigrada que leva moitos anos fóra, por exemplo. Permíteche que moitos perfís accedan e non perdan o contacto con isto. 

comentarios