Vari Caramés, Premio Bienal Internacional de Fotografía Citoler

O fotógrafo Vari Caramés é o novo gañador do Premio Bienal Internacional de Fotografía Contemporánea Pilar Citoler, fallado en Córdoba e considerado o de maior dotación dos do xénero. 

photo_camera

O xurado do premio recoñeceu na obra de Caramés a súa capacidade para “propoñer unha poética fotográfica do instante fugaz, tanto en branco e negro como en cor, alternando visións da súa terranatal galega e outras que denotan a súa vontade de errancia”. 

O galardón consisten nun premio en metálico de quince mil euros, unha exposición individual do gañador na Sala PuertaNueva de Córdoba no 2015 e a edición no próximo ano dunha monografía da obra do fotógrafo na colección “El ojo que ves”, no que xa apareceron os volumes dos seis gañadores anteriores. 

O premio leva o nome de Pilar Citoler, grande coleccionista de fotografía que preside a súa vez o xurado do que tamén forman parte o galerista Rafael Ortiz, o fotógrafo e gañador da anterior edición Jorge Yeregui e os críticos Juan Manuel Bonet e Alfonso de la Torre. 

“Na miña fotografía hai inevitablemente unha fixación, a xanela que é, na maioría dos casos, imaxinaria. Xanela como símbolo do mirar, do esculcar, do ver o mundo, ou a vida “a través de”, “de dentro cara a fora”, “de fora cara adentro””, preséntase na súa páxina web o fotógrafo, na que podemos atopar boa parte das súas series fotográficas. 

Comentarios