'O cristianismo contra a razão'

Varela Puñal desmonta os fundamentos do cristianismo no seu último libro

Catrocentas páxinas divididas en oito capítulos levoulle ao profesor e colaborador de Sermos Galiza Ramón Varela Puñal escribir un duro alegato contra os fundamentos filosóficos e mesmo históricos do cristianismo. O cristianismo contra a razão (autoeditado, 2018) preséntase o vindeiro 25 de abril na Libraría Couceiro de Compostela.
 

O ensaio comeza no denominado Edito de tolerenacia do ano 313, cando o emperador romano de Occidente, Constantino, comezou a actuar como a autoridade suprema da Igrexa. “A partir de Constantino, a Igrexa foi favorecida con privilexios de toda índole”, escribe, “económicos, laborais, xudiciais, legais, inmobiliarios, privilexios que se manteñen”.

Estabeleceuse daquela “o tándem da espada e da cruz”. A Igrexa convértese nunha máquina de represión, “a maior das que houbo até hoxe”. Herexes de toda condición, apóstatas, xudeus, maniqueos, priscilianistas, todos e todas son perseguidos pola xerarquía cristiá. Que chegaba a intervir en cuestións médicas: “Prescribiran como único medio de cura a sangría e deixou de cultivarse a técnica e a ciencia empírica”.

É daquela cando o título do traballo de Varela Puñal toma corpo: “O cristianismo emprendeu unha campaña de fustigación en contra da razón e da filosofía, en nome da fe e da irracionalidade”.

O escritor adéntrase despois na crítica teolóxica. A tríade divina -o Pai, o Fillo, o Espírito Santo- e a doutrina trinitaria, a transubstanciación -“que transgride as leis da realidade material e repugna a razón humana” ou a Inmaculada Concepción de María pasan polo implacábel bisturí de Varela Puñal.

O ensaísta remóntase, finalmente, ás fontes relixiosas e filosóficas do cristianismo. “O concepto de Deus dos hebreos”, considera, “non difería do concepto de Deus que tiñan os pobos veciños. Todos eran pobos politeístas, e só durante o cativerio de Babilonia se reafirmou a crenza nun Deus único, identificado co deus tribal de Xerusalén”. Tampouco, afirma, “a inmortalidade da alma está na Biblia, agás no Apóstolo Paulo. Non hai proba algunha que demostre que existe este concepto platónico ni que o ser humano é inmortal”.

O cristianismo contra a razão, escrito en galego internacional, está a venda nas librarías Couceiro, Follas Novas e Galaécia de Compostela; en Couceiro e Suevia da Coruña; na Central Librera de Ferrol; na Paz de Pontevedra; na Trama de Lugo; na Brañas Verdes de Carballo, e mais na Sementeira de Noia.

Comentarios