xoves 13/08/20

Sete Varas, fotografar a tradición como naquel tempo

Sete Varas é o novo proxecto do fotógrafo Francisco Ares. O seu obxectivo busca a nosa tradición para fotografala desde hoxe mais como se fora naquel tempo, coa prestancia, o orgullo e a dignidade que merece. 

Sete Varas, fotografar a tradición como naquel tempo

Darlle visibilidade á tradición a través da fotografía. Ese é o obxectivo de Sete Varas, o novo proxecto do fotógrafo Francisco Ares que vai reparar coa súa cámara no mundo da tradición, nos bailes, na música, nos instrumentos, nos traxes, nos obxectos... nun universo marabilloso ao que quere dignificar co seu obxectivo. 

“Quero darlle visibilidade desde a fotografía do autor achegándome aos nosos costumes, desde a fabricación de instrumentos até o desfile cos traxes recuperados do pasado nas distintas comarcas. Neste momento hai moita xente que se move e traballa por recuperar e darlle vida as nosas tradicións e cómpre darlle o trato que merecen a través da imaxe”, defende Francisco Ares ao explicar o seu novo proxecto que disponibiliza na rede a través da páxina web

ares3Procura Francisco Ares emular  aqueles fotógrafos de comezos do XIX, os retratos clásicos que mostraban a fermosura e a prestancia de homes e mulleres gabanciosos deses signos de identidade que eran os seus traxes, os seus bailes ou os instrumentos que mostraban nas imaxes que son hoxe documentos históricos. 

Sete Varas nace da tradición que quere retratar, como a das saias tradicionais que están na orixe do seu nome. O seu autor, Francisco Ares, adentrouse hai  anos no mundo da tradición e ficou apaixonado pola súa beleza e pola enerxía que se move arredor do seu mundo. “Atráeme porque é unha maneira de expresar quen somos, con alegría e moito entusiasmo como se ve  nas agrupacións que se adican a recuperar e trasmistir o noso folklore e as nosas tradicions”, sinala Ares, profesional que apostou pola fotografía como maneira de vida. 

“Quero facer rexurdir a fotografía con estilo, como se facía antes, o retrato do neno co avó, da parella posando... hai xente que se fai un traxe que require moito esforzo e merece unha fotografía que reflicta todo ese agarimo polo noso, evocando mesmo a época do propio traxe, unha fotografía costumista que nos transporte a outro tempo”, explica do seu proxecto que bota agora a andar na rede. 

Festas, romarías e obradoiros

Francisco Ares ten previsto visitar festas e romarías, obradoiros e talleres, comercios e escolas folclóricas. Deixarse sorprender coa beleza da tradición en todos eses espazos, ao vivo, viaxar cara a fotografía costumista e humanista, como gosta definir o seu traballo. 

Desde hai máis de cinco anos, Ares aposta pola fotografía de forma profesional, Sabe da dificultade do momento, do tempo complexo que está a vivir a fotografía como oficio e traballo, diante da popularización que supuxo a fotografía dixital. “Agora moita xente ten cámara e dispara e vivimos no tempo do todo vale. O mercado complicouse mais a miña é tamén unha aposta pola calidade. Entrego as fotografías impresas  en papeis de fibras de algodón  con tintas naturais que aguantan máis de cen anos sen perder cor.”, explica, do proceso que leva ao resultado final das súas imaxes. 

ares2

Até agora, a súa especialización centrouse en fotografías de bebés e familias, imaxes tiradas no seu estudo especialmente deseñado para ese fin, con grandes ventanais con luz natural, espazo de lactancia, cambiador e confort. Con esa mesma dedicación e coidado inicia agora a súa nova aventura fotográfica, co obxectivo preparado para obsequiar á tradición á que tanta xente se dedica coas imaxes máis acaídas. 

comentarios