"A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo" preséntase en catálogo

O Museo do Pobo Galego acolleu a edición da Deputación de Lugo
Presentación do catálogo no Museo do Pobo Galego (Arxina).
photo_camera Presentación do catálogo no Museo do Pobo Galego (Arxina).

O Museo do Pobo Galego acolleu esta terza feira a presentación do libro-catálogo A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo, editado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O volume, coordinado por Fernando Arribas Arias e Teresa Pena Moredo,  leva ao papel a exposición de título homónimo que o Museo de Lugo organizou en 2013, ao ano seguinte á morte do artista e intelectual galego.

A obra reúne reproducións das máis de 350 pezas que integraron aquela mostra, ademais de debuxos e bosquexos de Isaac Díaz Pardo, dando conta da evolución creativa da  súa cerámica  desde finais dos anos corenta do século pasado até os seus últimos deseños, xa no século XXI. 

Un percorrido pola cerámica de Díaz Pardo

O catálogo mostra unha selección de pezas creadas polo artista nun percorrido que comeza na produción que realizou en Cerámicas do Castro, entre 1947 e 1955.

Daquela crea series limitadas que reproducían a súa obra pictórica. Entre a segunda metade dos 50 e os anos 60, Díaz Pardo vai abandonando as lembranzas pictóricas e o clasicismo das formas e xorde o Isaac máis vangardista. Ademais, en 1957, emigra á Arxentina onde funda a fábrica de Porcelanas Magdalena

De volta na Galiza, en 1968, trae as innovacións das Américas, que veñen acompañadas dunha depuración das formas. Conflúe nun proxecto conxunto con Luís Seoane, o Laboratorio de Formas, que dará pé en 1970 á reconstrución da fábrica de louza que fundara o Marqués de Sargadelos, no século XIX. 

Colaboración da Deputación co Museo

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, participou na presentación do catálogo e aproveitou para visitar o Museo do Pobo Galego para interesarse pola ampliación do centro e manter unha reunión co presidente do Padroado, Xusto Beramendi, e co director do Museo, Manuel Vilar.

Durante o encontro, expuxéronse os proxectos nos que traballa a dirección do Museo para continuar coa musealización do novo espazo expositivo co que conta tras as obras de ampliación que se realizaron no edificio. Ademais de renovar o convenio anual polo que a área de Cultura achega 15.000 euros ao Museo, Ferreiro explicou que tamén se intercambiaron propostas para afondar na relación que o Museo mantén coa Rede Museística.

Neste sentido mostrou a disposición "a colaborar cunha entidade que recolle a esencia da identidade galega".

Comentarios