Vanesa Trevín: “O patrimonio debe ser visto como unha oportunidade, non como unha traba”

A arqueólogo Vanesa Tevín achéganos un estudo sobre o castro de Doade, en Lalín. Unha nova entrega do coleccionábel ‘Confín dos verdes castros e valeroso clan!’.

A arqueóloga galega Vanesa Trevín Pita nun dos xacementos no que traballa (Sikait Project).
photo_camera A arqueóloga galega Vanesa Trevín Pita nun dos xacementos no que traballa

Chama moito a atención  no teu artigo -e nas informacións xornalísticas da campaña de 2021 que vén de rematar- das poderosas estruturas defensivas - muralla e foxos- deste castro. Cal é a túa opinión sobre a funcionalidade das mesmas. Podería ser que nalgún castro foran máis de exhibición de poder e, noutros casos, necesidades defensivas reais?

No caso do Castro de Doade, encóntrase moi alterado, dentro da croa e nos arredores debido ás labores agrícolas, así que tanto a muralla como os foxos están a simple vista, moi rebaixados. Á hora de enfrontarnos á súa investigación, atopamos moitas sorpresas nese sentido. Ten un antecastro na zona sudeste, cortado pola pista asfaltada que pasa ao seu redor, ata catro foxos defensivos na zona máis feble, dos que escavamos tres. Teñen unha media de 3-4 metros de profundidade. Logo está a muralla, con varios niveis de construción aterrazada nalgún momento para darlle máis entidade, chegando a ter nalgún momento máis de 7 metros de anchura.

Todo isto, ademais de que se encontran nun lugar prominente, dende o que poden observar de lonxe quen se achega, dálles unha grande vantaxe defensiva. Ao igual que outros compañeiros de profesión, inclínome a pensar que as necesidades defensivas sí serían reais (medo a saqueos e á intrusión de animais por exemplo), pero que tamén implicarían un simbolismo. O traballo inmenso que detectamos que levan esas defensas pode entroncar coa necesidade de cohesión da comunidade. Todos traballando xuntos no obxectivo de estar protexidos do exterior, para evitar na medida do posíbel problemas de convivencia.

Precisamente cando estamos a escavar é cando se xera máis interese pola arqueoloxía, tanto da poboación local como de visitantes de sitios próximos

A existencia do Museo Casa do Patrón é un elemento que sinalas de grande importancia para a musealización in situ. Cres que é preciso -ou posíbel- estender este modelo a outros castros? Que se pode facer para que o público en xeral visite e valore máis a actividade arqueolóxica, particularmente nos castros?

Sería moi interesante que empresas privadas dedicaran parte dos seus esforzos á valorización de bens do patrimonio arqueolóxico, como alicientes de calidade para a súa actividade. Non ten por que ser un museo. Podería ser unha granxa ou unha explotación forestal, ou unha iniciativa de turismo rural que pon en valor un elemento que se encontra dentro dos seus e fai actividades ao seu redor que lle poden xerar algunha compensación económica. Isto non aporta só excelencia a súa actividade senón que tamén axuda á propia administración local á xestión do seu patrimonio, xa que moitas veces estas administracións vense desbordadas por outros temas de mantemento de servizos básicos e ás veces non chegan a poder desenvolver estas actividades.

Precisamente cando estamos a escavar é cando se xera máis interese pola arqueoloxía, tanto da poboación local como de visitantes de sitios próximos que se achegan porque o viron na prensa, colexios, institutos ou incluso xente máis nova.

Que os arqueólogos estean fisicamente no Castro, implica para a comunidade a inclusión dun elemento novo no entorno, curiosidade e algo de desconfianza. Pero logo ver o que hai baixo a terra que te veu nacer e que cho vaian explicando cada día, polo que levamos visto, supón unha grande satisfacción na xente, un sentimento de pertenza e de fraternidade, tamén de crítica. Saber de onde vimos, que fixeron os nosos antepasados, que tiñan de bo, que tiñan de malo…. Discutir, interpretar entre todos, xa que nós coñecemos a metodoloxía de escavación, pero as persoas que viven nun territorio saben todas as historias ao seu redor, coñecen o entorno e dan unha visión esencial para que os traballos arqueolóxicos sexan exitosos. Unha vez rematado a satisfacción é enorme porque todos (arqueólogos e poboación local) sentimos que dalgunha maneira aportamos ao coñecemento xeral.

É por iso que a fórmula de proxectos arqueolóxicos non moi ambiciosos economicamente, pero continuados no tempo podería ser a máis exitosa. Ou é a que vemos, pola experiencia, que funciona mellor.

Abordas tamén no  teu artigo as sinerxias da colaboración entre universidade e empresa. É un traballo que dá resultados positivos? Deberíanse buscar outras vías de colaboración, v.g. só privadas, para dinamizar a investigación arqueolóxica? Precisamos máis dotación de medios desde as institucións públicas?

As experiencias que tivemos até o de agora foron sempre moi agradecidas, xa que a universidade conta tanto con persoal investigador especializado en distintos campos como con instalacións adecuadas para o procesado de materiais arqueolóxicos. Isto facilita moito que non se perda información e que os datos queden dispoñibles para quen precise estudalos. A maioría das empresas privadas, son pequenas, pouco solventes, non dispoñen de instalacións, e quen traballamos nelas, gastamos a maior parte do noso tempo en traballos administrativos, xa que na maioría dos casos as intervencións veñen motivadas por obras ou criterios individuais de institucións locais, case sempre suxeitas a tempos moi axustados ou a xustificacións de subvencións.

É por iso que até o de agora, a falta dunhas directrices claras por quen ten as competencias nesta materia,  é unha forma de repartirnos o traballo entre compañeiros, xa que esteamos onde esteamos, (universidade, empresa privada, institución museística, educación, etc…), o noso obxectivo é claro: que a investigación avance, e ir comprendendo pouco a pouco o noso pasado. Hai que aclarar que é unha profesión vocacional.

Creo que necesitaríamos un cambio integral na xestión do patrimonio arqueolóxico. Hoxe en día a cidadanía soe estar moi de acordo coa protección do patrimonio arqueolóxico e comprenden as implicacións socioeconómicas que supón, como elementos xeradores de comunidade, e de desenrolo económico sostible, ao igual que calquera outro recurso (forestal, horta, etc…), mais o problema vén cando un destes bens se atopa na súa propiedade privada, e á hora de facer unha vivenda, ou desenrolar calquera tipo de iniciativa empresarial ou explotación de recursos, están na obriga de protexelo, con custes económicos moitas veces moi altos.

O patrimonio debe ser visto como unha oportunidade, non como unha traba. E é aí onde entran as institucións públicas. Se toda a cidadanía ten dereito a gozar do seu patrimonio, tamén os custes da súa protección e valorización deberían ser compartidos de maneira xusta a través da propia administración, e non de forma individual e desigual.

Por outro lado, penso que debería haber un maior diálogo entre a universidade, lugar punteiro e planificador de investigacións e a dirección xeral, de maneira que se lle puidera dar unha maior resposta ao traballo investigador  para remar xuntos en aras da construción do coñecemento.

Subscríbete

As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.

Comentarios