CRÍTICA DE CINEMA

'Van Gogh', por Andrés Castro

Van Gogh deixa París por Arlés, unha pequena vila do sur de Francia cunha luz especial que lle produce a inspiración necesaria. Comeza pintar todo o que lle rodea, en parte, para fuxir dos seus propios pensamentos.

van gogh dafoe

Ademais de ser director de cinema e guionista, Julian Schnabel tamén é pintor, un feito que propiciou o seu debut cinematográfico (en 1996) co biopic do pintor vangardista Jean-Michel Basquiat. Agora, na súa sexta longametraxe, aborda a vida de Vincent Van Gogh.

Non é a primeira, nin a última vez, que se fai un filme arredor da figura de Van Gogh. Sen ir máis lonxe, a principios do ano pasado, podíamos ver nos cinemas esa obra faraónica de animación artesanal titulada Loving Vincent (Mellor Longametraxe de Animación nos Premios do Cinema Europeo). Tamén destaca a homenaxe que lle fixera Kurosawa en Os soños de Akira Kurosawa (1990) ou a interpretación portentosa de Kirk Douglas en O tolo do pelo vermello (1956), papel que lle proporcionara un Globo de Ouro a Mellor Actor de Drama e unha nomeación aos Óscar, que perdeu en favor de Yul Brynner por O rei e eu.

Willem Dafoe tamén quedou ás portas do Óscar (e xa van catro veces) pero si foi recoñecido no Festival de Venecia co máximo galardón á interpretación masculina. Impresionante a simbiose que acada coa personaxe. Abraiante a capacidade expresiva. Sen dúbida un dos actores co careto máis maleábel do planeta Hollywood. Xunto el Oscar Isaac na pel de Paul Gauguin, pintor co que mantivo unha tormentosa amizade, e unha morea de actores e actrices internacionais que interpretan outras personaxes que marcaron, en maior ou menor medida, a vida e obra do “tolo do pelo vermello”: Rupert Friend/Theo Van Gogh, Mathieu Amalric/Dr. Paul Gachet, Emmanuelle Seigner/Madamme Ginoux ou Mads Mikkelsen, un cura co que comparte unha conversa filosófica nunha escena, aparentemente moi simple nas formas (plano contra-plano), pero non no fondo, pois resalta de forma inmellorábel a psicoloxía interna do pintor holandés.

A historia comeza na época na que Van Gogh se traslada de París á pequena vila de Arlés, e remata na controvertida morte (en 1890). Xa adianto de antemán que segue a corrente, xa apuntada en Loving Vincent, que propón que o pintor holandés non se suicidou. Unha teoría que se une a outra que me gusta bastante máis: a de que Van Gogh tiña problemas de vista. Un feito que calquera pode intuír ao ver os seu cadros... sobre todo para quen é miope. A min pasoume de cativo cando vin por primeira vez “Noite estrelada sobre o Ródano”. Inmediatamente souben que o autor do cadro era miope pois plasmaba exactamente como eu miraba as luces cando me quitaba a gafas. Décadas despois atopo alguén que comparte esta teoría...

Non só miopía, Schnabel apunta varios problemas de visión. Desde o primeiro momento ten a idea de que o espectador vexa a través dos ollos de Van Gogh. Para elo utiliza unha realización xenerosa en planos subxectivos, con movementos de cámara torpes, dubitativos, como se fose unha realización amateur ou deixaran a cámara ao bolseiro. Nada máis lonxe. Son “fallos” premeditados cos que Schnabel procura que se transmita o desasosego e estado mental do pintor. A continuación xa se mete no campo visual con desenfoques, cambios de luz ou de ton imitando a cor dos cadros (que marabilla de amarelos) ou incluso con secuencias en branco e negro suxerindo o daltonismo de Van Gogh (cousa que non comparto).

Xunto coa montaxe anárquica (do propio Schnabel), todo o filme pretende que nos metamos na pel do pintor. Se non o acada na súa totalidade, anda moi perto de captar a esencia artística e humana de Van Gogh. E faino sen caer en tópicos maniqueos nin lugares comúns nun filme fascinante para todos os amantes da pintura do xenio holandés e un dos máis claros exemplos de éxito póstumo tras unha vida chea de penurias e de ser deostado e menosprezado por todo mundo... por todo o mundo salvo polo seu irmán Theo, co que mantivo toda a vida un amor fraternal incondicional que Schnabel deixa patente en dúas poderosas secuencias: a do manicomio e a do funeral. Magníficas.

Excelente achega arredor da vida de Van Gogh altamente recomendábel para calquera amante da súa pintura (e da pintura en xeral), dos biopics que foxen dos convencionalismos e das interpretacións que lindan a perfección. Recomendábel tamén quedar até o final dos títulos de crédito.

Van Gogh, ás portas da eternidade

At Eternity’s Gate

(Reino Unido-Irlanda-Francia-Suíza-EUA 2018, 111 min.)

Dirección: Julian Schnabel

Guión: Jean-Claude Carriére, Louise Kugelberg e Julian Schnabel

Fotografía: Benoît Delhomme

Música: Tatiana Lisovkaia

Elenco: Willem Defoe, Oscar Isaac, Rupert Friend, Mads Mikkelsen, Mathieu Amalric, Emmanuelle Seigner, Vincent Pérez, Amira Casar, Lolita Chammah, Niels Arestrup

Comentarios