Valle Inclán será testemuña da lectura de textos de Vidal Bolaño

“Como nós queiramos e o tempo que aguantemos”. Esas son as normas da lectura colectiva de textos de Roberto Vidal Bolaño convocada para o venres 3 de maio en Compostela, diante da estatua do seu admirado Valle Inclán. 

Roberto Vidal Bolaño (Foto: Quique Alvarellos)
photo_camera Roberto Vidal Bolaño

Na Ferradura de Compostela descansa en bronce a imaxe dun barbado Valle Inclán sentado nun dos seus bancos. A figura éralle apreciada a Roberto Vidal Bolaño e, por iso, ao seu entorno se achegarán o venres 3 de maio ás 20 horas ás lectoras e lectores que queiran darlle voz aos seus textos. 

“Pode vir quen queira e ler os textos que lle veña a ben” di a convocatoria que difunde a Edicións Positivas, o selo editorial que está a publicar a obra completa do autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas. 

Positivas vén de distribuir en librarías o segundo dos seis volumes que comporán a obra completa. Desta volta recóllense as obras Mar revolto, A burla do galo, Doentes, As actas escuras, Días sen gloria e Agasallo de sombras. Cinco dos seis volumes dedicaranse á obra dramática mentres o sexto recollerá textos de pensamento e materiais do seu traballo audiovisual. 

“Os personaxes e mundos recoñecíbeis por todos, e que aparecen aquí, fan destes títulos unhas alfaias da literatura galega. E axudana considerarmos a Vidal Bolaño un dos grande escritoras da literatura galega” din os editores. 

Comentarios