O CDG volve a 'Divinas Palabras'

Valle-Inclán revolucionado

De “traxicomedia de aldea” -como subtitulou o seu autor- a “traxicomedia da aldea global”. Eis a síntese da viaxe á que o Centro Dramático Galego somete un dos máis celebrados, e crueis, esperpentos de Valle-Inclán, o tamén rebautizado Divinas Palabras Revolution. Estréase esta quinta feira, 12 de abril, no Salón Teatro de Santiago.

Divinas Palabras Revolution
photo_camera 'Divinas Palabras Revolution', do Centro Dramático Galego.

Aos mandos atópase Xesús Ron e unha numerosa representación da compañía Chévere. Con versión en galego de Manolo Cortés -tamén actor no papel de Pedro Galo- e o propio Ron, participan Patrica de Lorenzo, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez.

“Os personaxes son os concursantes dun concurso de telerrealidade, e teñen que convivir nunha casa plató vixiados polas cámaras 24 horas”, explica o CDG nunha nota de prensa, “a ambientación nun contexto actual non afecta o espírito crítico e inconformista co que o grande autor arousán concibiu a obra hai cen anos”. De “retablo da avaricia, a luxuria e a morte” cualifica a obra o teatro público.

Divinas Palabras Revolution aparece en galego por primeira vez. Aínda que, avisan desde o CDG, non se trata dunha “tradución directa da obra orixinal, senón que asume a imposibilidade de atopar esa aldea valleinclanesca na actualidade como reflexo doutras moitas imposibilidades, entre elas a de manter a identidade propia nun mundo globalizado”.

“É un retrato descarnado dun pobo inconsciente da súa ferocidade, un testemuño irascible da miseria moral da sociedade”, resumiu Xesús Ron na presentación da estrea. O escenógrafo Suso Montero, a responsábel de vestiario Mar Fraga, o iluminador Fidel Vázquez ou a música de Xacobe Martínez Antelo son algúns dos integrantes da equipa de dirección.

A peza de Ramón María del Valle-Inclán (Vilanova de Arousa, 1866 - Santiago de Compostela, 1936) contará, a partir da primeira esta quinta feira ás 20.30 horas, con 16 pases no Salón Teatro de Compostela que rematarán o 29 de abril. Divinas Palabras Revolution iniciará despois unha xira que a levará a Carballo, Ourense, O Barco, A Coruña, Pontevedra, Rianxo, Vigo e Cangas. Despois estará en Madrid, no Teatro Español, onde se representará en galego con lendas en castelán no mesmo lugar en que, hai 85 anos, se estreou a obra orixinal con dirección de Cipriano Rivas Cherif, escenografía de Castelao e Margarita Xirgú de actriz.

Comentarios