Grupos galegos e portugueses no Verdoejo Art Rock

Valença do Minho: rock por riba da Raia, contra os eucaliptos

Nomes tan míticos como Peste & Sida, punk rockers portugueses da quinta dos oitenta, e tan populares como Eladio y los Seres Queridos, vigueses que en Cantares (2016) repasaron alfaias do folk pop galego, atópanse na cabeceira do Verdoejo Art Rock. O festival, esta fin de semana en Valença do Minho, xunta bandas das dúas beiras da Raia.
 

peste & sida
photo_camera A banda portuguesa Peste & Sida. Foto: cedida.

“Encontro de música multicultural que conxuga bandas consagradas e novos proxectos”, defínese a organización. En concreto, sete grupos galegos e oito portugueses. E con implicación social, ecolóxica: “Un euro de cadar entrada vendida irá destinada á repoboación forestal autóctona transfronteiriza”.

verdoejo cartaz

A bisbarra, recoñecida como eurorrexión pola Unión Europea, atópase inzada de eucaliptos. E esta especie non é allea aos incendios que o pasado ano queimaron amplas superficies en Galiza e Portugal. “Un dos principais obxectivos deste festival é a obtención de fondos para a reforestación con especies autóctonas de dúas áreas ardidas a cada lado do río Miño, en Verdoejo, Valença, e en San Xurxo, Salceda de Caselas”, explica o propio festival.

Para recadar eses fondos, o encontro musical, que arrinca esta sexta feira 27 de xullo e remata o domingo 29, convocou bandas portuguesas como Bratner ou Plastic People ou galegas como Moito!, The Lelli Kelly's ou Breakin' Bones. “O noso festival está concibido para fortalecer os lazos cultuais e afectivos entre a poboación e os artistas da nosa eurorrexión, creando raíces fortes e saudábeis”, di a asociación promotora, Eventos Faz Diferente.

Os concertos do Verdoejo van acompañados do Land Art Valença, en que artistas galegas e portuguesas “van crear obras in situ, inseridas na temática dos incendios que decimaron as forestas, as casas e ate destruíron a vida das persoas”. Será en colaboración coa Bienal de Vilanova da Cerveira.

Comentarios