XOSÉ LEAL, RESPONSABLE DE CULTURA E LINGUA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

“Vai ser unha grande oportunidade para disfrutar da extensa obra que ten Castelao”

Hoxe bota a andar o Ano Castelao, cun acto oficial por parte da Academia de Belas Artes e coa inauguración da exposición 'Castelao artista' no Museo de Pontevedra. Falamos con Xosé Leal, responsable de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, que lidera a programación deste ano en homenaxe ao rianxeiro. 

xoseleal
photo_camera Xosé Leal facendo o signo de Castelao en lingua de xordos

- Mañá [por hoxe] bota a andar o Ano Castelao cunha grande exposición no Museo de Pontevedra. É o tema no que centrades a vosa programación anual, non?
- O Ano Castelao leva boa parte do esforzo do departamento de Cultura e Lingua, tanto en actividade propia, como a que desenvolvemos nos concellos da provincia. Por unha banda, mañá [por hoxe] comezamos coas actividades que desenvolveremos no Museo de Pontevedra, coa exposición 'Castelao Artista', que dá conta da primeira etapa de Castelao (1905-1920). Aquí quixemos facer unha achega ao que era o Castelao previo a ter unha conciencia política máis forte, pero na que empezou a recoller as diferentes cuestións que fixeron agromar o seu pensamento político e desde o primeiro traballo que se coñece del en 1905 onde curiosamente non asinaba como Castelao.

- Como asinaba entón?
- Como D. Rodríguez, por Daniel, que era como era coñecido no seu entorno familiar. O tema está en que comezamos con esta primeira exposición, que dividimos en diferentes etapas, unha primeira na que se dedicou a participar en moitos concursos pictóricos, e foi unha etapa na que observaba moito o seu entorno. Hai un punto de inflexión despois, cando casa na Estrada, cando se dá un pequeno corte e empeza a facer referencia a moitos escenarios desta vila. Outro punto de inflexión é o ano 1916, que coincide co ano de creación das Irmandades, aínda que non está claro se el se afiliou no 16 ou no 17, pero ese ano empeza a agromar a súa conciencia máis política. A partir de aí virá despois o Álbum Nós e veremos un Castelao máis comprometido co seu tempo. 

Moitas veces expresou que Pontevedra foi a cidade na que máis a gusto estivo

- Veremos por primeira vez toda xunta a obra de gran formato de Castelao, non?
- Efectivamente, imos ter por primeira vez xunta toda a obra de gran formato existente en Galiza. Realmente queda unha que non puidemos traer, que estaba en Bos Aires, no Centro Galego, pero por problemas xudiciais foinos imposible. Reunimos toda esta obra, tanto a propia do noso Museo, como das coleccións das antigas caixas ou de cafés de Vigo ou de Pontevedra que teñen grandes murais, que foi outra das facetas relevantes de Castelao, o dos grandes murais. 

- A maior parte dos fondos son do Museo, non?
- Si, aínda que hai coleccións particulares, das fundacións, e tamén aproveitamos para expoñer fondos que tiñamos en depósito. Digamos que vai ser unha grande oportunidade para disfrutar da extensa obra que ten Castelao.

- En xuño ides inaugurar outra mostra sobre Castelao, 'Meu Pontevedra', o día 28 de xuño, o día que se aprobou o Estatuto en plebiscito. 
- Si, o título vén polo texto no que gababa a súa cidade de adopción, porque el era rianxeiro, pero si que se considerou pontevedrés de adopción e moitas veces expresou que Pontevedra foi a cidade na que máis a gusto estivo. Nesa exposición xa partimos dun Castelao máis social, máis político. Vai ter unha compoñene máis vital, da súa traxectoria en Pontevedra, desde a súa chegada. 

Se estivese vivo probablemente sería un dos debuxantes deste tipo de camisolas reivindicativas

- Ademais tamén levades actividades do Ano Castelao por toda a provincia. 
- Levamos unha serie de exposicións e actividades polos 62 concellos da provincia, que permiten achegar a figura de Castelao a todas partes. Temos, por unha banda, unha expo 'Escenarios da prehistoria para visitar', que dá conta do grande interese que Castelao amosou sempre polo noso patrimonio; outra que inauguramos hoxe [por onte] en Porriño, 'De Castelao ao mañá, unha ollada ao cómic galego', na que queremos dar unha perspectiva da novena arte a partir do que foi o artista de Rianxo, para nós foi un dos precursores da banda deseñada. E tamén temos outra sobre o debuxante Luís Davila. Logo temos  contacontos, con textos de Castelao e doutros autores; e música en galego con temas tanto galegos como de fóra, 'Cantos de preto e lonxe', actividades de cantares de cego, e unha serie de obradoiros infantís para os máis pequenos, outro de camisolas con Reizentolo. Nós cremos que se estivese vivo probablemente sería un dos debuxantes deste tipo de camisolas reivindicativas. E, por outra banda, temos un proxecto de app educativa para dar a coñecer a vida e obra de Castelao e unha unidade didáctica, 'A nenez nos anteollos de Castelao'.

Para nós foi un dos precursores da banda deseñada

- Ademais do Ano Castelao, cales son as vosas prioridades culturais para a provincia?
- Queremos darlle pulo ao teatro profesional, para que poida chegar a todos os lugares da provincia, e crear unha serie de sinerxias para que a cultura e a lingua estean presentes nas diferentes épocas do ano, nas Letras Galegas, con actividades en todos os concellos, Irmadades da Fala, con aspectos novidosos no deseño urbano, como pintar frases das Irmandades nos pasos de peóns. O que tratamos é de extender a actividade cultural por todos os concellos para que poidan disfrutar da nosa cultura en igualdade de condicións. 

- Vós apostades polo Ano Castelao, a Deputación da Coruña fai o propio co Ano das Irmandades e a de Lugo co Ano Manuel María. Estades a coordinarvos?
- Claro. Xa desde o primeiro momento nos reunimos as tres institucións, para achegarnos aos diferentes eidos e poder colaborar en rede. Trátase de aproveitar sinerxias, a expo das Irmandades estará tamén en Pontevedra e Vigo e no caso de Manuel María tamén teremos actividades. 

- Mentres, o Goberno galego este ano aposta polos aniversarios de Cela e Valle-Inclán. 
- Aí nótanse as prioridades dos diferentes gobernos. Nós entendemos que temos figuras de nós que defenderon a nosa cultura e a nosa lingua e que deben ter importancia capital este ano. E a Xunta aposta por outros temas. Nós no caso de Valle-Inclán poida que teñamos algo para amosar, pero non é unha das efemérides que nos interesa destacar este ano. 

Comentarios