De Vacas, Nacho Vegas ou O Leo, entre os protagonistas do Implícate

Cando remata o Nadal, chega o Implícate, que este ano vén cheo de música, humor, teatro e poesía. E cunha campaña de crowdfunding para financiar a gala. 

devacas
photo_camera A foto de felicitación do Nadal de De Vacas

A ONGD galega Implicadas no Desenvolvemento celebra o vindeiro 8 de xaneiro ás 20.30 horas no Teatro Principal de Santiago de Compostela a XII edición do “Implícate”, que reunirá sobre o escenario a artistas como Nacho Vegas, De Vacas, IGMIG, Marián Bañobre e Rober Bodegas; e poetas como Eli Ríos, Gonzalo Hermo, O Leo ou Margarida Ledo. As entradas para o Implícate xa están á venda a un prezo de 12 euros.

Para poder levalo adiante, Implicadas vén de lanzar este mes de decembro un crowfunding coa fin de conseguir os 700 euros que precisa para cubrir os gastos do equipo técnico do festival e a pegada de carteis para anuncialo. Con máis do 60% do orzamento conseguido, Implicadas fai un chamamento a completar esta cantidade antes do 8 de xaneiro.

O 'Implícate! Noite de música e palabra solidaria' serve para dar a coñecer a filosofía de traballo de Implicadas, os seus proxectos de cooperación ao desenvolvemento que está a levar en comunidades do Sur e as actividades de concienciación que realiza Implicadas no ámbito galego. As artistas colaboran de xeito desinteresado e os cartos recadados destínanse integramente a financiar os proxectos de cooperación que a organización está a desenvolver na India: a erradicación do infanticidio feminino en Salem e o empoderamento de mulleres en Tiruchy.