Caderno de Verán

De Vacas coa reivindicación

O grupo leva na xira pezas feministas e fala de temas tabú. Ademais, atrévese a cantar a mesma música fóra da Galiza porque, aseguran, o idioma enténdese igual
VACAS_113 De vacas concerto
photo_camera O grupo De vacas en plena actuación en directo (Foto: Cedida)

Este verán é difícil que alguén vaia xirar 'como a roda do muíño' mais vaise intentar. Malia o feche dos concertos a contra o reloxo, as compoñentes do grupo De Vacas séntense unhas privilexiadas porque a axenda estival está a resultar "moito mellor do que imaxinabamos". Seguen a aparecer actuacións quer no estío, quer no outono, e pouco importa que as datas non estean claras. A idea é ir "a Pontevedra, Ávila, Santa Comba...".

Os pases van ser, segundo explica Paula Romero, co "novo espectáculo El anillo p'a cuando que viñemos de presentar en maio do 2019". Apenas lles quedaron uns meses para dalo a coñecer porque o coronavirus fixo estragos nesta tempada.

Pero hai que recuperarse e De Vacas –Inés Salvado, Faia Díaz, Guillerme Fernández e Paula Romero– continúa preparando novas sorpresas, con independencia de que "o confinamento lle pasase factura á creatividade".

O nome da xira xa dá unha idea das xogadas que a banda sube ao escenario. Son capaces de converter unha canción con acenos machistas nun himno feminista. E se hai que falar da menstruación e desbotar vergoñas e mitos tamén o fan. Quizais por iso o seu traballo ten parte de parodia. Pero non enganan a ninguén. 

A carga musical, compositiva e creativa que hai detrás é moi importante. De Vacas cantan e tocan e fano moi ben, se non non seguirían animando verbenas de aquí e aló. De onde saen as letras ben afiadas polas que cambian as orixinais? "Nacen nun proceso creativo compartido porque temos un sentido do humor bastante similar", revela Romero.

Nuns casos as modificacións tocan directamente "a letra", noutros o afiado sentido musical destas artistas párase na base das cancións.
"Ás veces hai que rir ou reivindicar e verbalizar temáticas: en 'Son eu' falamos de cousas que, a estas alturas, continuamos vendo como tabú", lamenta.  Tanto no país como fóra, onde tocaban bastante.

Cando se lle pregunta se os temas en galego funcionan fóra, di que "unha das cousas máis bonitas que aprendemos é que dá igual que cantes en romanés ou en galego: entenden perfectamente".

Comentarios