Vaamonde, Lamas & Romero únense ás bandas de música locais

O trío únese esta vez á Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla na Casa das Artes de Vedra (San Fiz de Sales), o domingo 27 ás 19 horas. O espectáculo xunta tradición e modernidade, música, teatralidade, e sobre todo moito humor.

VL&R_bn
photo_camera Vaamonde, Lamas & Romero

Vaamonde, Lamas & Romero levan fusionándose coas bandas locais desde 2011. A próxima será en Ordes o 27 de febrero. Outra característica do seu espectáculo é o humor. É a súa marca de auga e tamén a empregan coas bandas nun espectáculo que inclúe arranxos sobre repertorio tradicional realizados polo saxofonista e compositor Roberto Somoza, que combinan o sabor popular con elementos de modernidade. 

Desta volta únense á Banda de Música de Santa Cruz de Ribadulla, coa que actuarán o domingo 27 ás 19 horas na Casa das Artes (antes Museo Paz Camps), en San Fiz de Sales (Vedra). A Banda, con case noventa anos de traxectoria, conta con sesenta músicos e ten gañado numerosos premios. 

Xesús Vaamonde (gaita, percusión e voz), Pedro Lamas (saxo soprano e voz) e Xosé Lois Romero (acordeón e voz)  abranguen, nas súas traxectorias individuais, desde a música de raíz ata o folk, a fusión ou o jazz, alén da docencia, a composición e dirección musical ou a publicación de partituras. Os seus nomes están ligados a algúns dos mellores momentos e artistas da música galega recente (Nova Galega de Danza, Fuxan os Ventos, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Susana Seivane, Uxía, aCadaCanto, Luvas Verdes, Quique Peón Cía, Faltriqueira, Guadi Galego, Galeoke, Leilía,...), cos que teñen actuado en varios continentes, dende Xordania a Nova York, pasando por Zimbabwe ou Bos Aires.

No 2006 decidiron unir talentos para amosar a súa particular visión da música popular: unha proposta minimalista mais divertida que, tras unha aparente sofisticación, agocha unha divertida posta en escena que combina a partes iguais música e retranca, xogando cos prexuízos e rachando cos tópicos, co único obxectivo de pasalo ben, eles e o público. Un novo estilo musical que eles bautizaron como “tradicomedia”. No 2008 publican Vellas artes, e tres anos despois editan o CD-DVD O tambor de prata, no que se inclúe o concerto en directo acompañados pola Banda Municipal da Coruña, con arranxos feitos para a ocasión por Roberto Somoza.
 

Comentarios