V Premios María Luz Morales de Ensaio e Videoensaio sobre o Audiovisual

Lara Bacelo, Iván Villarmea e Manuel Barreiro son os de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual.

AGA audivisual foto sabela eiriz
photo_camera (Foto: Sabela Eiriz)

A Academia Galega do Audiovisual celebrou esta segunda feira na sede da Deputación da Coruña a entrega de premios da V edición dos María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual; unha iniciativa que conta coa participación das catro deputacións.

Nesta ocasión a Deputación da Coruña foi a anfitrioa, representada por Xurxo Couto, deputado de Cultura, Políticas de Igualdade de Xénero e Normalización Lingüística. A presentación da entrega dos premios correu a cargo de Aldaolado.

O xurado formado polo crítico e programador Brais Romero, o editor, produtor e docente Gaspar Broullón e a cineasta e tamén docente Xisela Franco outorgou tres premios e dous accésit e declarou deserta a categoría de Mellor videoensaio sobre audiovisual galego.

Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego

O traballo premiado foi Hai alguén aí? O reto das novas plataformas e o futuro dos nosos medios públicos, de Manuel Barreiro.

Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional

O traballo premiado foi Barcos ao garete. Formas de esperanza radical no cinema da austeridade, de Iván Villarmea. Nesta categoría foi distinguido cun accésit o ensaio O activismo en forma de cinema: "Challenge for Change/Société nouvelle" (1967-80) de Severiano Casalderrey.

Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional

O traballo premiado foi Muller, interior, de Lara Bacelo. Nesta categoría foi distinguido cun accésit o videoensaio As mans de Luis Buñuel: Tradición, crenza, baixeza e surrealismo, de Igor Fernández.

Por primeira vez na historia dos premios, unha categoría foi declarada deserta polo xurado: Mellor Videoensaio sobre Audiovisual Galego.

Os premios naceron en 2017 para estimular a produción de ensaio e videoensaio en lingua galega e para reivindicar a figura da escritora e xornalista María Luz Morales.

María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980). Escritora e xornalista, especializada na crítica de cine e de teatro, dirixiu o xornal La Vanguardia durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia do Estado en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller a actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantívose en activo ata os 91 anos de idade. 

 

Comentarios