A V Gala do Libro Galego será virtual

Emitirase a partir das 12 horas do domingo 21 de novembro por YouTube. O académico Basilio Losada Castro, a escritora Mariasun Landa e a libraría Brañas Verdes de Carballo levan os premios honoríficos.
Xosé Antón Pedreira, Cesáreo Sánchez, Valentín García, Mercedes Rosón, Silvia Bello e Henrique Alvarellos.
photo_camera Xosé Antón Pedreira, Cesáreo Sánchez, Valentín García, Mercedes Rosón, Silvia Bello e Henrique Alvarellos.

A Gala do Libro Galego farase este ano exclusivamente online por mor das circunstancias derivadas da Covid-19, nun acto que decorrerá finalmente o sábado 21 de novembro, co foco na "reinvención" do sector editorial e cultural ante os retos que implica a pandemia.

Así o explicaban onte as persoas participantes na rolda de prensa de presentación do evento: o vicepresidente da Asociación Galega de Editoras (AGE), Henrique Alvarellos e a tamén membro Silvia Bello; o vicepresidente da Federación de Librarías da Galiza (FLG), Xosé Antón Pedreira; o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez; a concelleira de Acción Cultural de Compostela, Mercedes Rosón; e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta da Galiza, Valentín García.

A V Gala do Libro Galego conduciraa o actor Quico Cadaval  e retransmitirase por YouTube desde as 12 horas. Consistirá nunha montaxe dunha serie de vídeos pregravados nos que as galardoadas agradecen o recoñecemento.

Despois da gala, as persoas premiadas recibirán as tradicionais estatuas de Rosalía de Castro que se outorgan. As 15 vencedoras desta edición xa foron dadas a coñecer no mes de maio, pois a gala estaba prevista para o 9 dese mes.

Ademais dos xa coñecidos, desveláronse tres novos premios de honra: o académico Basilio Losada Castro, en recoñecemento "á edición"; a autora Mariasun Landa, "Escritora Galega Universal"; e a libraría Brañas Verdes, de Carballo.

Sánchez reflexionou sobre a actualidade do eido editorial e os cambios que se aveciñan: "O campo audiovisual ou teatral xa van tendo máis ou menos claro cal é o novo espectador que vai saír desta situación. Nós temos que mirar polo novo lector, tan apoiado nas redes e nos mass media'".

Demanda de apoio nun momento crítico

Alvarellos, Pedreira e Sánchez sinalaron a importancia de que as Administracións "estean á altura" nun intre tan "crítico" para a cultura. Pedreira demandaba a implicación das tres institucións que colaboran na Gala do Libro: Concello de Santiago, Deputación da Coruña e Xunta.

García defendeu que a Galiza xa conta cun Plan de reactivación do sector, co que as distintas entidades se mostraron críticas no seu momento.

Comentarios