Uxía ofrece cancións que emocionan no ciclo “Pel de galiña” no Gaiás

Co seu canto, Uxía porá a “pel de galiña” ao público que asista ao seu concerto este venres día 12 no Gaiás. Estará acompañada do portugués António Zambujo e subirá ao escenario cunha banda galego-brasileira composta por Sérgio Tannus, Paulo Silva e Xoán Porto. 

Uxia
photo_camera Uxia

Nun verán intenso no que Uxía percorre o país a través dos escenarios cos seus máis recentes discos,  “Rosalía pequeniña”, “María Fumaça” , “Uxía meu canto” ou “Andando a Terra”, a artista detense en Santiago para ofrecer un concerto persoal e íntimo no Museo do Gaiás no que revisará a súa traxectoria desde os seus inicios con “Foliada de Marzo” ata as máis recentes producións. Vintecinco anos de carreira artística que celebra neste concerto e que coverten Uxía nun nome esencial para a cultura galega. 

No ciclo “Pel de Galiña” no que paticipa ás 21 horas, Uxía propón un encontro persoal cos seus temas de referencia, cancións de autora e temas tradicionais que fixeron da súa unha das traxectorias máis sólidas do noso panorama musical. 

Como vén facendo desde os seus inicios, tamén neste concerto Uxía convocará o mundo da lusofonía e dous países de especial referencia para ela, Brasil e Portugal. O fadista do Alentejo António Zambujo, un dos nomes máis relevantes da música portuguesa é o convidado especial dunha na que a cantante terá como parceiros músicos cos que xa ten subido a infinidade de escenarios, os brasileiros Sérgio Tannus e Paulo Silva ou o instrumentista galego Xoán Porto. 

“Ofreceremos un repertorio de músicas que emocione, nos que o canto terá un singular protagonismo. Recorreremos temas do repertorio como os alalás mais tamén haberá novas sorpresas” comenta Uxía dunha cita especial na que a presenza de Zambujo “a pureza da voz”, define, provocará a parcería entre sons galegos e alentejanos. 

Comentarios