Uxía e Narf cantan xuntos nunha Galiza imaxinaria

Son dous dos grandes nomes da música que agora se xuntan en "Baladas da Galiza imaxinaria”, un traballo conxunto no que confesan ter dado o mellor de cada . O disco inaugura o selo Edicións Damadriña que promove a propia cantora. 

uxianarf
photo_camera uxianarf

Entre cereixas en tempada, patacas da terra, peixe fresco e viño do país, Uxía e Narf presentaban o seu primeiro disco conxunto, un feixe de cancións “viaxeiras” que regresan a terra despois da xira que os dous artistas realizaron por Chile, Arxentina e Uruguai. O  proxecto naceu en Santiago de Chile e preséntase en Santiago de Compostela, en primeiro lugar nun concorrido mercado de abastos e, a seguir, co concerto inaugural que terá lugar o vindeiro 10 de xuño no Salón Teatro da cidade. 

Se o disco se puidera repartir en tres partes, nunha delas tería máis presenza Uxía, na outra Narf e a terceira sería para cancións novas que nacen para este proxecto conxunto, segundo apuntaron. No primeiro dos temas, “Sempre en Galiza”, póñenlle música a un texto de Castelao. Lorca en galego na “Cantiga do neno da tenda”,  Curros Enríquez con “Os teus ollos” e Rosalía de Castro con “Bos amores” inclúense tamén no poético disco que canta a Galiza que é e se imaxina, a que pensamos e nos pensan. 

“Prima o gusto pola experimentación e parte do respecto e a admiración mutuas”, explicou Uxía desta primeira parcería con Narf. “Naceu nun proceso espontáneo. Non estaba previsto como tampouco que a xira durara un mes” engadiu Narf, deste disco agarimado, nacido dun encontro no que as dúas sonoridades se xuntaron en singular harmonía. Tal vez sexan os seus versos na canción "Encontrarte" os que mellor podan expresar esa maneira imprevista de se xuntar. "Mais hai algo en ti/ algo en min/ Algo en nós que me di/ que te vou recoñecer/ no momento de verte". 

Do proxecto conxunto din que expresa “como pensamos e nos pensan doutros lugares, como nos coñecen e nos presentamos. Cantarse é unha maneira tamén de pensarse”, segundo o "cancionista", termo co que Narf gosta de se presentar.

Os sons africanos dos que bebe Narf e os brasileiros e portugueses tan próximos a Uxía conxúganse nestas baladas nas que se recoñece a identidade de un e outra, nun feliz encontro que transmiten desde a emoción. Escolleron o mellor dos seus repertorios e tamén aportaron os seus equipos máis próximos nun traballo que nace da autoprodución e a autoedición.

Cantora e agora tamén produtora

"Baladas da Galiza Imaxinaria"  trae canda si, ademais de xuntar aos dous artistas nun traballo conxunto, outra novidade. Con el nace Edicións Damadriña, o selo que bota a andar Uxía para a produción dos novos traballos dos proxectos musicais nos que está implicada. “É unha moi boa maneira de empezar”, valorou a cantora, metida agora tamén a produtora musical a través do seu novo selo. “Estas cancións medraron nun territorio físico e emocional, con moito mimo e dedicación e a autoprodución mostra que as cousas pequenas teñen a súa grandeza”, defendeu Uxía que canda Narf presentaba o disco con vocación viaxeira nun acto no que o improvisado escenario estaba rodeado de produtos da terra, nun mercado de abastos revolucionado coas cancións ao vivo de Baladas da Galiza Imaxinaria.

 

 

Comentarios