Uxía e Magín Blanco estrean o espectáculo 'Canta o cuco'

Logo do disco, xa está aquí o espectáculo músico-teatral baseado na obra de Manuel María, que se estrea esta fin de semana: o venres en Ourense e o sábado en Muros.

Uxia e Magin 1
photo_camera Uxia e Magín Blanco

Esta semana estréase por fin “Canta o Cuco”, o espectáculo músico-teatral sobre textos da obra do poeta da Terra Cha dirixido por Inacio Vilariño e protagonizado por Uxía e Magín Blanco nas voces, e por Héctor Lorenzo e Santi Cribeiro nos instrumentos. A estrea será a finais desta semana e en sesión dobre: a sexta 8 de abril, ás 18 horas no Auditorio Municipal de Ourense; e o sábado 9 de abril ás 18 horas tamén no Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros. 

“Canta o Cuco” é un espectáculo para todos os públicos, de 50 minutos de duración, que supón unha visión contemporánea dos versos de Manuel María dirixido a nenas e nenos do século XXI. A través do pop, da música tradicional e do rock, do tango ou do son cubano, as voces de Uxía e Magín Blanco interpretando os versos poéticos levarannos a gozar do universo deste escritor galego. O actor Inacio Vilariño, sobre o escenario, poñerá a parte teatral para redondear esta nova proposta escénica. 

O libro

A finais de 2015 Uxía e Magín Blanco publicaron en Sonárbore (Galaxia) un libro-disco do mesmo título con cancións que musican os poemas do autor chairego. O carro, A vaca, A cidade, O cuco… so só algún dos textos musicados por Uxía e Magín Blanco, extraídos de poemarios como As rúas do vento ceibe, Os soños na gaiola, Terra Chá, Panxoliñas ou Os lonxes do solpor. Xunto a eles, unha creación propia da man de Uxía e Magín Blanco, Todo me fala de ti, na que ambos os dous artistas dialogan co poeta e coa súa rica personalidade. Ademais, as ilustracións son obra de Leandro Lamas. 
 

Comentarios