Uxía gaña o Premio da Música Independente e estrea espectáculo galego-brasileiro

O álbum “Meu Canto” co que Uxía conmemorou os seus 25 anos na canción foi o escollido como gañador ao mellor traballo de música de raíz nos Premios da Música Independente. A artista está a preparar o espectáculo Melodía secreta de Galiza e Brasil, de Villa-Lobos a Chané que estreará o próximo día 9 de xullo.

A cantante Uxía resultou gañadora co seu álbum “Meu Canto” dos premios organizados pola Unión Fonográfica Independente, segundo o resultado dunha votación popular sobre os traballos seleccionados por un xurado de profesionais do sector musical. O premio súmase ao da Opinión á Mellor Artista que a cantante recibiu no mes de maio, galardóns que recibe como “un alento moi forte, é como se o vento soprase a favor e nos impulsase a percorrer máis portos, máis escenarios presentando este traballo gravado en Brasil e editado por unha independente (Fol Música)” destacou no acto de entrega do premio.

Recibe o recoñecemento Uxía a poucos días da presentación do seu novo espectáculo que levará ao Teatro Principal de Compostela dentro do Festival Vía Stellae. Con Melodía secreta de Galiza e Brasil, de Villa-Lobos a Chané, xuntarase a voz de Uxía de novo coa guitarra, o cavaquinho, a viola e a percusión de Sérgio Tannus, o violoncelo de Jed Barahal e o piano de Christina Margotto nun novo encontro de sons galegos e brasileiros que a artista con tanta enerxía promove.

Comentarios