O uso das artes para a integración da Asociación Ambar, V Premio Begoña Caamaño

O xurado concede a premio convocado pola Deputación da Coruña á entidade da Barbanza que traballa desde hai case corenta anos principalmente con mulleres con diversidade funcional.

BEGOÑA CAAMAÑO AMBAR

Un xurado composto polas xornalistas Carmen Merelas Rico, Rebeca Munín Oliveira, María Obelleiro Hermida e Fernanda Tabarés co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria decidiu outorgar por unanimidade o V Premio Begoña Caamaño de acción cultural pola igualdade á Asociación Ambar pola utilización da cultura como ferramenta para a integración e a eliminación das desigualdades. 

O xurado destaca da entidade o "labor que desenvolve desde hai 40 anos para rachar coa dupla discriminación que representa ser muller e ter diversidade funcional, desde un ámbito comarcal e con ferramentas innovadoras afastadas do paternalismo e promovendo a autonomía e a igualdade desde o asociacionismo de base".

A Asociación Ambar traballa desde hai case 40 anos co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional, promovendo a súa independencia e igualdade de oportunidades na comarca da Barbanza.

 Coa a súa actividade perseguen romper barreiras, prexuízos e desigualdades coas que se atopan, evitando perpetuar estereotipos a través de proxectos innovadores que traballan directamente con todos os sectores, moitos deles coas artes como ferramenta de especial interese.

Ambar aposta así pola cultura e a arte para a integración e a eliminación de discriminacións e, así, no ano 2015 naceu o grupo de artes escénicas, que a día de hoxe está integrado na súa totalidade por mulleres.

Ademais, cada ano súmanse á loita contra a violencia machista e reivindican o apoderamento e igualdade de oportunidades, experimentando con formatos, mensaxes, canles e accións que sensibilicen arredor desta realidade.  

Nas anteriores edicións recibiron o Premio Begoña Caamaño a compañía A Panadaría na cuarta edición; o Observatorio da Mariña pola Igualdade na terceira; Elas tamén Pintan e Implicadas no desenvolvemento na segunda e a Libraría de Mulleres Lila de Lilith na primeira.

Comentarios