USCénica consolídase como unha iniciativa innovadora

O festival das artes escénicas, USCénica, rematará este sábado 9 de xullo a programación deste curso. Roberto Salgueiro, o seu director, asegura que esta actividade está consolidada no panorama cultural galego. 
Concerto de Le BarLuthier na terraza do auditorio da USC (Foto: USCénica).
photo_camera Concerto de Le BarLuthier na terraza do auditorio da USC (Foto: USCénica).

O festival das artes escénicas, USCénica, consolidouse este ano como unha iniciativa de difusión das novas tendencias innovadoras da escena galega. A proposta botou a andar no ano 2020, logo do primeiro confinamento, como unha iniciativa "puntual" que procuraba ser, nun inicio, un "apoio" para o colectivo escénico profesional galego que estaba a atravesar por "unha situación económica complicada", en palabras do seu director, Roberto Salgueiro.

Agora, na súa terceira edición, demostrou que veu coa intención de quedarse como outra actividade universitaria máis na programación da USC.

Entre as características máis importantes deste festival está a idea de traballar "só con compañías galegas", tal e como indica Salgueiro, "proba de que a Universidade se está a implicar directamente co país".

O seu programa defínese por contar con "proxectos que teñen máis dificultade en verse" fronte a outras fórmulas máis comerciais, matiza Roberto Salgueiro.

A outra singularidade é a súa vertente pedagóxica. “USCénica”, subliña Salgueiro, “conta con que as tarefas de produción corren a cargo do alumnado da aula e da compañía de teatro da USC”. Ademais, o festival compleméntase con diversos cursos de formación. Desde o 20 de xuño, USCcénica acolleu o talento de Paraíso Teatro, Laboratorio escénico Coop, Avelina Pérez, Helena Salgueiro, Elas (Asociación Ámbar), VACAburra, Diego Anido, Le BarLuthier, Estíbaliz Espinosa, e a Aula de Teatro da USC coa obra A casa a forza.

Últimos días desta edición

Para o reitor da USC, Antonio López, "en tempos complexos coma os que vivimos, poucos elementos teñen tanta capacidade de contribuír á dinamización e reforzo das relacións sociais e persoais como a cultura". Por iso considera que esta proposta universitaria "reforza a súa aposta por aquilo que nos une e nos inspira, por todas e cada unha das súas formas".

O programa de actuacións  de USCénica aínda continúa até este sábado 9 de xullo coas interpretacións de Límites (Corpo Colectivo Transfronteirizo), Compañía. Elahood, Bárbara Domínguez e The Swinging Flamingos.

Comentarios