A USC homenaxea a inventora do libro electrónico no seu 125 aniversario

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática da Galiza (CPEIG) recoñece a transcendencia para a enxeñaría informática do labor de Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora da que este mes de marzo se celebra o 125 aniversario do seu nacemento.

Ruíz Robles rexeitou unha oferta americana por querer que a tecnoloxía fose desenvolta na súa terra. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ruíz Robles rexeitou unha oferta americana por querer que a tecnoloxía fose desenvolta na súa terra. (Foto: Nós Diario).

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática da Galiza (CPEIG) recoñece a transcendencia para a enxeñaría informática do labor de Ángela Ruiz Robles, mestra e inventora da que este mes de marzo se celebra o 125 aniversario do seu nacemento.

Leonesa de nacemento e galega de adopción, co gallo do Día Internacional da Muller, que se conmemorará o vindeiro domingo día 8, o CPEIG desenvolveu durante a xornada de onte un acto na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago de Compostela (USC). 

En nome da homenaxeada asistiron ao evento tres das súas netas, María Luisa, María do Carme e María Elvira Souto Grandal, que recibiron das mans do presidente do Colexio de Enxeñaría Informática, Fernando Suárez, a figura institucional do CPEIG, unha peza da casa de cerámica galega Sargadelos. 

Participaron tamén no acto a directora da Escola Superior de Enxeñaría, Julia González, e o subdirector da ETSE, David Losada, xunto con outros profesores da Escola.

Na súa intervención, Fernando Suárez fixo unha análise xeral da situación actual da enxeñaría en informática e do papel da muller, unha profesión que segundo indicou sofre unha "alta masculinización", con apenas 17% de mulleres. 

A pesar destes datos negativos, tanto no ámbito académico como profesional, Fernando Suárez asegurou que a informática "tamén é cousa de mulleres", e foron moitas as que xogaron "un papel crucial durante décadas", como a coñecida Ada Byron, filla do poeta Lord Byron, que pasará á historia como a primeira programadora.

David Losada, pola súa banda, destacou a importancia de "visibilizar o talento feminino a través da figura desta pioneira da posguerra española", co obxecto de converterse nun "exemplo inspirador" para alcanzar o reto de aumentar o número de mulleres nos graos tecnolóxicos. 

Unha vida de película

De pai farmacéutico e nai ama de casa, Ángela Ruiz Robles naceu na primavera de 1895 na vila leonesa de Villamanín. Xa desde ben pequena amosou a súa paixón e vocación pola ensinanza, comezando unha traxectoria como docente con tan só 22 anos, impartindo clases ininterrompidamente na Galiza desde o seu traslado, xa en 1918, á parroquia de Santa Uxía de Mandiá, en Ferrol.

Non obstante, ademais da súa dedicación á ensinanza, tamén ten unha relevante obra científica. Escribiu un total de 16 libros entre 1938 e 1946, ideou diferentes inventos entre 1944 e 1949 e impartiu multitude de conferencias. 

O seu proxecto máis relevante foi a invención da Enciclopedia Mecánica. Patentada con data do 7 de decembro de 1949, recibiu a patente número 190.698 o 10 de abril de 1962, cando o Ministerio de Industria lle concede a segunda patente (número 274.246) de invención do Libro Mecánico- Enciclopedia Mecánica, ao que define como "aparato para lectura e exercicios diversos".

Ángela dirixiu os traballos do prototipo da Enciclopedia Mecánica, construído no Parque de Artillería de Ferrol, e no ano 1970 rexeita unha  oferta estadounidense para explotar as súas patentes, por querer que o libro mecánico fose desenvolvido na súa terra.

Comentarios